A sede en Vigo da Asociación de Novos Empresarios, AJE-Galicia, acolle este xoves unha sesión informativa sobre axudas a pequenas e medianas empresas para que melloren o seu negocio a través de Internet. Trátase de informar sobre as potencialidades do Programa de Mentoring en Comercio Electrónico da institución pública Red.es, que concede unha subvención de 30.000 euros a fondo perdido. Segundo nos lembra AJE, poden optar a esta axuda tanto empresas que queiran levar o seu modelo de negocio a Internet como aquelas que xa o fan e queiran espallalo. O obxectivo desta iniciativa da entidade público-empresarial é desenvolver e fortalecer a capacidade das empresas para potenciar a súa actividade a través de novas canles de venda, adoptar unha estratexia comercial para iniciar un proxecto de venda en liña, mellorar o seu posicionamento e pór en valor a importancia dos aspectos operativos, legais, técnicos e loxísticos para garantir o éxito do proxecto.
O programa de Red.es consta dunha primeira fase de asesoramento e consultoría en comercio electrónico personalizada, seguida dunha fase de implantación que permita pór en marcha o proxecto. A charla de AJE estará impartida por José Alcañiz, Xurxo Cegarra e Jorge Vázquez, de Esterea, Wireless Galicia e Redegal, respectivamente, empresas colaboradoras de Red.es. Para asistir á charla: orientacion@ajegalicia.es. Por certo que a sesión dá comezo ás 19.30 horas, na sede que a asociación ten no número 53 da rúa Príncipe.
AJE organiza este xoves en Vigo unha charla para achegar as empresas ás axudas de Red.es
Compartir Este Artigo
