O operador galego R fixo esta semana reconto das canles que arestora ofrece en HD (High Definition) e as contas ao abeiro do servizo de alta definición de R xa lle deron á firma que dirixe Arturo Dopico un cifra superior á vintena. O verán, segundo conta a compañía, foi especialmente prolífico, con cinco novas canles nada máis comezar a época estival (TNT HD, Fox Crime HD, AXN White HD, Cosmo HD e Viajar HD, dispoñibles todas elas nas opcións TV R e TV Total) e unha máis enfiado as entremedias de setembro, TCM HD, o resultado da fusión entre as cadeas TCM e TCM Autor.
Segundo informa R, a nova oferta de televisión permite aos espectadores gozar de series como Major Crimes e Big Bang Theory (en TNT HD) ou Doutora en Alabama (AXN White HD). No que respecta aos aspectos tecnolóxicos destas incorporacións, dicir que hai canles como Telecinco HD ou Cuatro HD que xa achegan unha calidade de 21 Mbps, e todo, informa a compañía, “grazas á fibra óptica, que nos permite traer o sinal directamente dende Madrid con toda a súa calidade”. Asemade, incide a firma, ao estarmos a falar de canles non codificadas, están tamén ao dispor de quen teña un televisor FullHD equipado con sistema DVB-C.
R supera a liña das 20 canles con tecnoloxía HD
Compartir Este Artigo
