Gradiant xa conta con novo departamento de seu: a Área de eSaúde. Así nolo informaron esta semana fontes do centro de I+D galego, que engade que á fronte desta liña estratéxica de proxectos estará Helena Fernández, doutora en Telecomunicacións e adscrita á iniciativa LIFTGATE (Litfting Up the Research Potential of the Galician Telecomms Center), unha proposta financiada pola Comisión Europea que se dirixe a mellorar as capacidades e competitividade de Gradiant en ámbitos TIC como a seguridade multimedia ou as comunicacións por satélite. Volvendo á Área de eSaúde, dicir que basea as súas investigacións en cuestións como a telemedicina e o coidado personalizado a enfermos ou persoas dependentes, a xestión e a análise dos datos clínicos e máis a interoperabilidade.
Para cumprir con estes obxectivos, o novo departamento tirará partido de todo o coñecemento e a experiencia de Gradiant, amoreados durante os seus máis de cinco anos de andaina, en eidos concretos como o as redes de datos e sistemas de comunicación, o recoñecemento automático de estados afectivos de persoas, o seguimento documental, e a seguridade dos datos na nube. Gradiant, informan fontes do centro, “contribuíu ao longo dese tempo á mellora dos sistemas de distribución multimedia e desenvolveu tecnoloxías de localización en interiores, identificación automática da actividade en contextos e protección dos datos clínicos; todos eles, aspectos chave na xestión dos recursos e a información no ámbito sanitario”.
A área de eSaúde tamén actuará dentro do marco das tecnoloxías Ambient Assisted Living, recursos dirixidos a contribuír na mellora da calidade de vida das persoas maiores mediante o emprego das TIC. Lembremos que nesta contorna Gradiant tamén ten acadado logros importantes, como o recoñecemento de faces a partir de gravacións de vídeo, a estimación da idade a partir dos trazos faciais ou o seguimento do movemento humano mediante o uso de sensores portátiles. Recordar tamén que estas tecnoloxías xa están no mercado grazas á experiencia de Gradiant no desenvolvemento de proxectos xunto coa industria. Lembrar tamén que o centro galego vén levando a cabo varias liñas de investigación para os proxectos Innova Saúde e Hospital 2050, e participa no Partenariado de Innovación Europeo sobre Envellecemento Activo e Saudable (EIP AHA).
A investigadora Helena Fernández dirixirá a nova Área de eSaúde do centro galego Gradiant
Compartir Este Artigo
