Segundo apunta o CPETIG na súa web, o vindeiro mércores 25 de outubro dará comezo na compostelá Cidade da Cultura de Galicia a III edición das Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, evento inserido no convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Cómpre informar que no encontro deste ano, o tema central será a ciberseguridade e os sistemas forenses de intrusión, de especial relevancia polo seu impacto social e directamente relacionado coa temática xeral destas xornadas. Asemade, a revisión deste tema tan actual farase dende a perspectiva dos dereitos dos cidadáns e do traballo das entidades encargadas da persecución destes delitos.
A salientar -como novidade- que se contará coa presenza dun órgano europeo, grazas á participación de Manuel Álvarez Sobredo, responsable da introdución do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3), entidade integrada na Europol e que centraliza a loita contra este tipo de actividades na Unión Europea. Subliñar que a estas xornadas asistirán un grupo de expertos, que achegarán a súa visión global dende eidos tan diversos como o da avogacía, a maxistratura, a fiscalía, as forzas de seguridade, o Ministerio de Xustiza e como novidade, as novas axencias internacionais.
Para inscribirse nestas xornadas de Ciberseguridade e sistemas forenses de intrusión, ou consultar máis información, cómpre visitar a web habilitada para o evento.
A terceira edición das Xornadas de Informática Xudicial chegan a Compostela da man do CPETIG
Compartir Este Artigo
