Esta mañá o traballo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) veuse recoñecido durante a entrega da cuarta edición dos Premios CIO do Ano dentro da conferencia anual CIO Directions 2013 en Madrid, nos que consideraron que o departamento encabezado por Mar Pereira é o organismo público máis innovador, o que supón unha confirmación do atinada que parece a estratexia tecnolóxica global da Xunta e a súa aposta por un modelo de xestión integrada das TIC na Administración pública.
Este galardón fai mención especial ao Pacto Tecnolóxico asinado en xullo polo presidente da Xunta e os máximos responsables de 10 empresas tecnolóxicas de ámbito estatal, internacional e autonómico xunto co Clúster TIC Galicia para impulsar o desenvolvemento dixital de Galicia.
A organización do premio CIO Directions 2013, formada polos grupos IDG Communications e IDC, pon en valor esta iniciativa por ser a primeira a nivel estatal que plasma o compromiso de empresas do sector por converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia así como o da propia Administración autonómica de apostar polas TIC na súa estratexia de Goberno.
AMTEGA recibe o Premio CIO do Ano ao organismo público máis innovador
Compartir Este Artigo
