INEO -Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación- vén de anunciar que formará parte do Proxecto eTICs, como entidade colaboradora xunto co Clúster TIC de Asturias. Este proxecto -que xa foi asinado en Madrid- está liderado por CONETIC (Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías) e posúe un convenio de financiamento coa Fundación Biodiversidade. Cómpre dicir que a finalidade que persegue esta idea é a de fomentar o emprendemento no eido TIC: ben mediante a creación de novas empresas, ben mediante a xeración de liñas de negocio nas xa existentes, de cara ao fomento da eficiencia enerxética e a sustentabilidade.
O dito eTICS incluirá accións de formación e asesoramento que se levarán a cabo ao longo de 12 meses nas comunidades autónomas de Galicia, Principado de Asturies, Madrid, Castela-A Mancha e Estremadura. Deste xeito, e a través de catro accións de formación a distancia baixo a modalidade e-learning cunha duración de 45 horas, os devanditos cursos desenvolverán temáticas encamiñadas a favorecer o emprendemento empresarial TIC e a consolidación na fase start-up destas empresas acabadas de nacer. Asemade, eTICS tamén contará cunha acción a distancia, dirixida aos emprendedores e coa meta de achegarlles a orientación debida á hora de dar os seus primeiros pasos, na constitución da mesma e na definición do seu plan de negocio. Para isto, levarase a cabo -de xeito parello- unha plataforma de asesoramento e outra de formación, completándose este proxecto coa impartición de tres obradoiros divulgativos específicos sobre as oportunidades que achegan as Smart Cities para as e-TICS debido á súa contribución á sustentabilidade das cidades intelixentes.

