
Segundo informa o CPEIG, o asesoramento será desenvolvido por profesionais con formación en Enxeñaría en Informática que axudarán ás empresas a definir as súas necesidades tecnolóxicas en función do seu modelo de negocio para que adopten aquelas que poidan mellorar a súa eficiencia e produtividade. Nesta selección, os asesores tecnolóxicos primarán as solucións baseadas en software libre e farán seguimento da implantación de solucións TIC.
As empresas escolmadas para participar no programa disporán “de asesoramento no eido TIC de alta calidade e obterán un Plan Director TIC con custo cero, que servirá como folla de ruta para a implantación de melloras tecnolóxicas, suxerir as correccións precisas nos aspectos organizativos e dirixir a entidade cara o modelo máis axeitado”, engaden o colexio e AMTEGA, que explican que para a elaboración do Plan, os asesores TIC visitarán as instalacións de cada empresa e realizarán unha análise detallada dos procesos de negocio e ferramentas TIC que están a a empregar. “Deste xeito”, apuntan, “os profesionais do programa detectarán in situ as necesidades máis importantes para establecer prioridades na implantación de ferramentas TIC”.
Por certo que as empresas que cumpran os requisitos para participar no programa obtiveron máis información na xornada de presentación organizada polo o CPEIG e AMTEGA e que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela. Os asistentes ao encontro coñeceron os obxectivos da iniciativa, a relevancia das novas tecnoloxías nas PEME como vantaxe competitiva, e as moitas potencialidades de uso e aforro do software libre. Ademais, recibiron unha enquisa para avaliar a súa madurez tecnolóxica, que servirá tamén para realizar a selección das empresas beneficiarias do programa.
O CPEIG e AMTEGA habilitan un programa de apoio TIC para empresas miúdas e autónomos
Compartir Este Artigo
