O Concello da Coruña vén de anunciar a posta en marcha dunha serie de cursos para adultos co gallo de que estes descubran o engrenaxe das redes sociais así como das webs en xeral. Como deben navegar os máis pequenos pola Internet, cales son os principais perigos que se poden atopar na Rede (ciberbullying, grooming, sexting, gossiping…), as malas prácticas na navegación, como saber que webs son recomendables para os cativos e cales non, etc. Cómpre salientar que estes obradoiros -que comezan o 4 de outubro- son gratuítos, estando organizados pola área de Emprego e Empresa (dirixida por Luísa Cid) a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC).
Os cursos en cuestión están encamiñados a despexar as dúbidas de proxenitores, titores e educadores, ao tempo que se pretende ensinarlles a empregar ferramentas útiles á hora de guiar, protexer e supervisar o uso de Internet polos menores, tanto desde o PC coma desde os dispositivos móbiles. “O obxectivo é axudar aos pais a saber que fan os seus fillos cando están fronte ao computador ou co móbil porque, estas tecnoloxías deben combinarse con sistemas de prevención”, subliñaba a edil.
Engadir que, nunha segunda fase, o Concello da Coruña tamén quere sensibilizar a adolescentes e preadolescentes. “Os menores estarán acompañados por titores especializados que lles explicarán onde están os límites e sobre todo a evitar situacións de risco”, sinalaba a edil que non informou da empresa ou o especialista que impartirá estes cursos.
O Concello da Coruña organiza uns cursos para pais de cara a prever os perigos da Internet
Compartir Este Artigo
