O proxecto GreenIT segue a recibir pulo. Lembrar que se trata dunha iniciativa Erasmus que a Unión Europea concedeu á Universidade de Vigo, coordinadora, para a posta en marcha de accións formativas de diversos equipos profesionais de Europa e o Norte de África no ámbito das novas tecnoloxías aplicadas á xestión, conservación e optimización do medio ambiente. A iniciativa xa tivo varias xuntanzas en Vigo, nas que se reuniron os membros cos colectivos que a impulsan (dez parceiros europeos e dez norteafricanos) e os centros asociados. A primeira toma de contacto celebrouse por estas datas o ano pasado, e agora o proxecto colle corpo definitivamente coa chegada da primeira remesa de bolseiros Erasmus Mundus GreenIT con destino Vigo.
No acto de benvida, os estudantes de países como Tunisia, Marrocos, Exipto e Alxeria tiveron oportunidade de coñecerse e establecer ligazóns entre eles e o resto dos participantes do programa. Un dos obxectivos deste é fomentar o intercambio de estudantes entre estas dúas zonas do mundo: Europa e o Norte de África. En total, xeráronse 76 bolsas para máis de 500 solicitudes. Estas 76 bolsas de intercambio inclúen estudantes europeos que viaxan a África e africanos que fan a viaxe inversa. Todas/os se están a especializar en tecnoloxías verdes e desenvolvemento social sostible, o eixo sobre que se vertebra Erasmus Mundus GreenIT, un proxecto de tres anos de duración financiado pola Unión Europea con máis de catro millóns de euros.
O grupo de beneficiarios que elixiron Vigo como destino está formado por doce persoas e entre eles hai estudantes de grao, mestrado e doutoramento. Con perfís formativos moi distintos levarán a cabo os seus estudos en diferentes escolas e facultades do campus vigués: cinco na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, dous en Enxeñería Industrial e os demais repartiranse entre: Ciencias Xurídicas e do Traballo, Empresariais, Ciencias Económicas, Ciencias do Mar e Bioloxía. A duración do proxecto é de tres anos, con vistas a estender o programa de intercambio a outras zonas do mundo. O eido de traballo de GreenIT concéntrase nas tecnoloxías verdes e en promover un desenvolvemento social e económico a través de ferramentas respectuosas coa contorna. Entre outros aspectos, buscarase favorecer o traballo en informática verde, no uso enerxías eficientes en informática ou no etiquetado ecolóxico dos produtos tecnolóxicos. No senso máis práctico, sinalar que unha das claves do proxecto é o cloud computing, o emprego da nube para virtualizar os servidores informáticos “como un recurso que pode cambiar o paradigma das infraestruturas das tecnoloxías, xa que permite reducir gastos e que pequenas empresas compitan a nivel mundial en termos de infraestruturas”, engadiu hai un ano a UVigo.
Chega a Vigo a primeira remesa de bolseiros do proxecto europeo GreenIT
Compartir Este Artigo
