
Segundo explica Jorge Cebreiros, presidente de INEO, “cremos e defendemos que as compañías que contratan traballadores en Galicia, desenvolven o seu traballo en Galicia e tributan en Galicia, nunha palabra que xeran riqueza en Galicia, deberan ter tanta visibilidade coma outras en concursos públicos, firmas de ”acordos do sector” e ”programas de axudas”, e aqueles organismos que nos teñen como interlocutor, entre outros, estano a ter en conta”, dixo. O que acontece, comenta, “é que cada vez que a opinión de INEO achega esta visión na postura defendida polo Clúster, vese diluída”.
A un nivel máis concreto, a asociación amosa o seu desacordo con determinadas actuacións do Clúster. “Un exemplo disto”, sinala a xunta directiva, “é a permisividade desta entidade cunha serie de concursos públicos en Galicia cuxos requirimentos mínimos de solvencia xa fan imposible que a maioría do sector galego poida presentarse, o que INEO considera inaceptable”. En base a isto, a asociación saínte do Clúster entende que tódolos axentes do sector, de xeito agrupado ou independente, deberan intermediar a fin de acadar a modificación das devanditas esixencias económicas para dar acceso a estas convocatorias públicas á maioría de empresas TIC galegas, pequenas e medianas na súa meirande parte, “o verdadeiro tecido tecnolóxico-dixital de Galicia e, polo tanto, o motor do sector e a economía en xeral”, explica. “Neste senso”, engade INEO, “apoiamos totalmente o proxecto de lei aprobado recentemente no Consello da Xunta, no que se recomenda dividir estas licitacións en lotes, favorecendo así a contratación de empresas galegas, algo que aínda que INEO valora positivament, considera que se debería levar máis alá”.
Dende a asociación alértase que os requirimentos de solvencia económica son tan limitantes que obrigan ás empresas pequenas e medianas, perfectamente capacitadas para executar as tarefas que se licitan a subcontratar cos gañadores dos concursos e, ao final, as empresas galegas acaban por facer o traballo pero sen a visibilidade e moitas veces carecendo das garantías que o seu traballo require. En opinión de INEO, o que se debe fomentar é a libre concorrencia, porque así “gañaremos en calidade todos”.
Outro dos motivos que alega a asociación para a súa marcha ten relación coa discrepancia arredor do papel que lle corresponde ao Clúster. Así, INEO defender que a representación real do sector correspóndelles ás asociacións e confederacións, e non ao Clúster, que é unha entidade de estímulo da I+D e que axuda a conectar a tódolos axentes, pero que en ningún caso “debe ser o actor que fala en nome do sector”. Asemade, di a asociación que preside Jorge Cebreiros, o Clúster iniciou “un proceso de revisión dos seus estatutos que leva a descartar a socios fundadores como son as asociacións e os colexios como socios de pleno dereito, cousa que non amosa o Clúster integrador polo que apostabamos na súa creación, onde tódalas entidades teñen o seu sitio e contan cos mesmos dereitos”.
A xuízo de INEO, o Clúster está “tentando ocupar o espazo dunha asociación empresarial querendo chamarse Clúster para poder acollerse aos beneficios desa etiqueta, sen preocuparse de se a súa estratexia realmente é a dun Clúster ou é máis propia doutras entidades”. Para INEO, é ilegal que haxa axudas públicas que rexistren a súa participación como beneficiarias a empresas integradas nun Clúster, “porque vulnera o principio de libre concorrencia e o de libre asociacionismo”. INEO, en liña coa postura da Confederación de Empresarios de Galicia, lembra que está frontalmente en contra deste tipo de convocatorias.
INEO desvencéllase do Clúster TIC na procura de independencia e criterio propio
Compartir Este Artigo
