A editorial galega Ideaspropias anunciou esta semana que vai presentar tódalas súas novidades e manuais, libros electrónicos e contidos para a aprendizaxe a distancia, amais dun adianto dos seus lanzamentos en 2014, no marco da celebración da 31 edición de LIBER, Feira Internacional do Libro, que se celebra estes días ata o venres 4 de outubro en Madrid. Entre os puntais da súa actividade neste evento figura sen dúbida a súa aposta polo libro dixital, que se reflicte, en palabras de Ideaspropias, nun importante esforzo pola dixitalización de contidos. De feito, o catálogo do selo vigués presenta xa un 40% das súas achegas en formato e-book.
Asemade, tódalas novidades que se lanzan dende o seu seo fano ao mesmo tempo con feitura en papel e dixital.
Por outra banda, coincidindo coa celebración de LIBER, Ideaspropias vén de presentar a súa nova web, na que aposta por “unha imaxe renovada e cun deseño orientado a facilitar a navegación e facer máis sinxelo e intuitivo o proceso de compra de manuais ou libros electrónicos ao cliente”. Lembrar que Ideaspropias é unha editorial galega especializada en formación multisoporte e que fai gala dunha filosofía encamiñada a acadar a máxima calidade nos seus procesos de traballo, contidos e aposta por novos formatos.
A galega Ideaspropias presenta novidades de catálogo e nova web no marco da feira LIBER 2013
Compartir Este Artigo
