O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) tivo tempo estes días, na lea dos preparativos para a súa cita anual de celebración (este venres en Santiago), para presentar a nova edición dunha actividade que, como o seu propio nome indica, encamíñase a facilitar ás novas xeracións os mellores xeitos de movérense na Rede. A iniciativa Navega con Rumbo, que tamén foi presentada pola Consellería de Cultura (entidade co-responsable da súa posta en marcha e desenvolvemento), chega á súa cuarta edición con obxectivos renovados e fortalecidos: guiar aos nosos pequenos e adolescentes cara a unha navegación segura, “tentando evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso”.

O programa estará apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG, dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e ao profesorado, que se poderán descargar en formato electrónico na web do programa, web na que tamén estará a disposición da comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa. Como dixemos, trátase da cuarta edición da iniciativa tras a súa posta en marcha hai tres anos. Na primeira edición déronse 90 sesións informativas en centros educativos de Galicia, e no curso 2011/12 chegaron a preto de 140. No pasado curso a cifra elevouse a 200 e, nesta cuarta edición, pertencente ao ano académico 2013/2014 serán 220 accións e outros tantos centros educativos.
A cuarta edición de Navega con Rumbo dará acubillo a 220 actividades de divulgación e formación
Compartir Este Artigo
