A Conferencia Esri 2013 que se está a celebrar en Madrid arredor da innovación en Sistemas de Información Xeografía ten presenta galega. Máis polo miúdo a da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), cuxa directora, Mar Pereira, avanzou no marco do dito congreso que o Sistema de Información Xeográfico Corporativo no que está a traballar a Xunta permitirá orientar a toma de decisións do Goberno galego “en base a un coñecemento máis exhaustivo de como están distribuídos os recursos no territorio, o que redundará nun mellor deseño das políticas globais da Administración autonómica”. Pereira fixo estas declaracións durante a apertura do evento, no que engadiu que a plataforma galega fornecerá á Administración autonómica de datos estatísticos e cartográficos territorializados sobre equipamento, servizos, recursos naturais, topografía ou elementos do patrimonio que facilitan o diagnóstico, a análise, avaliación de deseño de políticas locais e rexionais cunha visión territorial e estratéxica.
“Entre as aplicacións prácticas que esta ferramenta permite realizar cunha maior precisión”, sinalou Pereira, “están por exemplo a planificación de infraestruturas, a xestión de emerxencias, a creación servizos no contexto do medio ambiente; a análise de patróns de comportamento da sociedade; plans de recuperación, situación e difusión do patrimonio ou o posicionamento xeográfico de recursos e servizos, entre outras”. Entre as iniciativas concretas que se van pór en marcha ao abeiro do sistema galego están a plataforma tecnolóxica de turismo, vinculada á promoción da cultura e o patrimonio galego, un proxecto de recollida e recuperación de toponimia, iniciativas para a xestión do ámbito rural e mariño como a xestión dos incendios forestais, o seguimento de frotas, espazos protexidos ou zonas de pesca.
Presentadas en Madrid as potencialidades do Sistema de Información Xeográfica Corporativo galego
Compartir Este Artigo
