O Consello da Xunta desta mañá deu o visto e prace a unha orde conxunta da Vicepresidencia e a Consellería de Facenda que regula, por primeira vez en Galicia, o teletraballo e a compensación horaria dos empregados públicos autonómicos, co fin de contribuír na medida do posible á conciliación da súa vida familiar e laboral. O contido desta orde será sometido de forma inminente á votación das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de empregados públicos.
O texto tamén establece os distintos tipos de xornadas e horarios laborais, así como a posibilidade de flexibilizalos, adaptándose ás necesidades do traballador. Así, por regra xeral a duración máxima da xornada de traballo é de trinta e sete horas e media semanais, agás nos supostos das xornadas de especial dedicación, que serán de corenta horas semanais, e na tempada de verán -do 16 de xuño ao 15 de setembro-, que se establecerá unha xornada de traballo distinta á ordinaria.
No tocante aos horarios laborais, regúlanse tres tipos: xeral, flexible e especiais. O primeiro deles, o xeral, será de 7:45 a 15:15 horas, de luns a venres; agás no caso do persoal clasificado como de libre designación, que estará sometido á dispoñibilidade horaria.
Tras a celebración do Consello da Xunta, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, declarou ante os medios que “imos seguir afondando na eficiencia da administración e ao mesmo tempo compatibilizándoa coa conciliación da vida familiar e laboral dos empregados públicos. Abrimos unha nova posibilidade e sería, no caso de obter a valoración favorable da Mesa Xeral de negociación, a primeira vez que en Galicia se establece un horario flexible a todos os empregados públicos da Administración xeral da Xunta. Seriamos a cuarta Administración pública en España que facilitaría a conciliación da vida familiar e laboral e que outorgariamos o dereito a xornada flexible no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma”.
O titular da Xunta insistiu en que o obxectivo é contar cunha Administración Pública máis eficaz e eficiente, na que os empregados públicos poidan desenvolver o seu traballo con maior flexibilidade e máis oportunidades para conciliar a súa vida familiar e laboral.
A Xunta avanza na regulación do teletraballo para os empregados públicos
Compartir Este Artigo
