O certame TAB Innovation, evento centrado en recoñecer as mellores aplicacións para tablets realizadas en castelán, tanto en España como en Latinoamérica, celebrarase o 22 de outubro en Madrid, pola tarde, na sede da Fundación Rafael del Pino. No evento participan empresas creadoras e usuarias e desenvolvedores-profesionais do mundo da comunicación e a mercadotecnia, sendo as categorías establecidas as seguintes: Xogos, Produtividade, Publicacións, Lecer, Saúde, Consumo, Deportes, Corporativas e de responsabilidade social, Infantís e educativas, ou Viaxes e turismo. A esta primeira edición presentáronse un total de 180 aplicacións, e aínda que unha gran parte proveñen de España a participación de empresas e desenvolvedores de Latinoamérica é, segundo apunta a organización, notable. Por categorías, a que máis aplicacións recibiu foi a de Infantís e educativas, seguida por Lecer e Xogos.
Os Premios TAB Innovation, ademais de premiar as mellores aplicacións realizadas no último ano, tamén recoñecen as mellores ideas de app para tabletas que aínda non se desenvolveron, “pero que son innovadoras, enxeñosas e contan cun gran potencial”. A este Premio ás Ideas de Tecnoloxía Creativa de Citroën presentáronse 176 propostas, das cales escolmáronse xa 10 finalistas por votación pública a través da web do certame. Os finalistas terán que realizar unha presentación pública da súa idea no evento, perante un xurado que decidirá quen leva os dous premios. O primeiro premio consiste nunha estancia de sete días en Silicon Valley, en colaboración coa California Spain Chamber of Commerce, que incluirá entrevistas concertadas con posibles empresas investidoras e visitas guiadas a empresas tecnolóxicas como Facebook ou Google, entre outras. O outro premio será para a mellor idea de app para tableta específica do sector do automóbil e consistirá nunha bolsa en prácticas de ata 12 meses de duración no departamento de Internet e Redes Sociais de Citroën España.
As 10 ideas finalistas que optan ao galardón de Citroën e que acaban de publicarse na Rede son: Mobilité App, un recurso para buscar prazas de aparcadoiros libres; Citroën CCTC, un panel multifunción para automóbiles da marca francesa; un sistema para o pago de aparcadoiros en zona de estacionamento regulado; APPDelantar, que axuda aos usuarios á hora de adiantar cando van conducindo por estrada; Motor Connection, para observar o estado do vehículo; Que Siga Baixando, unha aplicación na que os usuarios fan que os prezos dos mellores produtos baixen de prezo; S3i Project, un servizo de control de acceso a contidos dixitais; Os nenos salvan o planeta, un conto interactivo para que os nenos aprendan a coidar o medio ambiente; Sígueme, unha aplicación empregada para o seguimento de dispositivos móbiles; e Wardrobe, unha app de moda que pretende facer a función dun armario virtual.
Os premios TAB Innovación ás mellores aplicacións resólvense en Madrid o 22 de outubro
Compartir Este Artigo
