Vodafone comezou este mes de outubro presentado a décima edición do seu Informe de Sustentabilidade correspondente ao exercicio 2012, un estudo que guinda unha serie de datos a ter en conta sobre a actividade recente da operadora en materia de desenvolvemento que xera máis desenvolvemento e que toca cuestións como o pulo ao mercado laboral ou a conservación do medio ambiente. Entre estes datos achégase información sobre os empregos directos e indirectos que xerou a compañía (máis de 26.000), a contribución económica total no Estado (5.189 millóns de euros) ou a redución aplicada en materia de emisións de CO2 (62.758 toneladas deixadas de emitir). Asemade, a través de iniciativas de eficiencia enerxética reduciuse nun 23,4% o consumo de enerxía por elemento de rede respecto ao exercicio 2006, e no que atinxe á responsabilidade social, a Fundación Vodafone España dedicou 5,1 millóns de euros a proxectos sociais e de innovación.
En definitiva, sostén a operadora, o informe reflicte claramente “o compromiso da compañía cos seus clientes, empregados, medio ambiente e sociedade en xeral, de acordo coa súa Estratexia de Sustentabilidade”. No documento, asemade, amósanse os esforzos levados a cabo dende a operadora en materia de mellora das súas infraestruturas, cun investimento o pasado exercicio de 460 millóns de euros no despregamento de redes de banda larga en contornas urbanas e rurais, así como “no desenvolvemento de produtos e servizos que melloren a calidade de vida das persoas e que axuden ás empresas a aumentar a produtividade e competitividade e reducir o seu impacto no medio ambiente”, sinálase. Ao fío disto sitúanse as actuacións dirixidas a facilitar o acceso á Sociedade da Información das persoas con diversidades funcionais ou en situación de risco de exclusión social. As actuacións máis significativas neste eido foron a posta en marcha do Servizo Activo Vodafone (un servizo que se presta coa colaboración dunha empresa especializada en cobertura asistencial telefónica, pondo profesionais cualificados -médicos ou avogados- ao alcance dos clientes as 24 horas), o Plan Signo (unha tarifa lanzada en colaboración coa Confederación Estatal de Persoas Xordas e que permite á persoa con discapacidade auditiva empregar a lingua de signos a través de videochamadas e ademais expresarse con maior independencia mediante SMS, correo electrónico, chat e redes sociais), ou as Mensaxes Solidarias (iniciativas para recadar fondos para as ONG, e a través das cales xuntáronse en 2012 máis de 800.000 euros).
Vodafone contribuíu á economía española en 2012 con 5.189 millóns de euros
Compartir Este Artigo
