A empresa galega Edisa está a presentar estes días a contorna 6.1.2 da súa plataforma de xestión corporativa Libra, unha achega cargada de novidades a ter en conta. Por exemplo a nivel de envío e descarga de correo electrónico, configurando os servidores SMTP e POP3, engádese un plug-in de botón contextual do botón dereito do rato para probar a configuración de forma rápida. Asemade, nas descargas de arquivos, se o usuario tenta trocar a extensión dun arquivo recuperarase de maneira automática a extensión anterior, “evitando desta forma de que se tente abrir o arquivo cun programa incorrecto”.
Por outra banda, na definición de menús permítese indicar que unha opción de menú vai aplicada só a un ou varios sectores de empresa (tamén se pode facer de forma inversa, é dicir, indicar que unha opción de menú non estará dispoñible para empresas dun ou varios sectores).
A maiores, a nivel de alertas, achégase a posibilidade de enviar correos electrónicos con mensaxes que superen o tamaño de 32KB (desde o pl/sql da alerta pódese anular ou forzar o envío do correo electrónico asociado á alerta). No xestor das mesmas visualízase o tempo en segundos que tardou a última execución e pódese parametrizar unha alerta que será invocada de forma automática cando a execución supere un determinado limiar de tempo. Tamén é posible indicar se o correo electrónico unicamente debe ser enviado no caso de que algún informe invocado pola alerta do xerador de informes devolva datos.
A maiores, informa Libre, aumentouse o número de plug-ins por bloque, pasando de 20 a 26 nos botóns verticais e de 5 a 14 na ringleira horizontal.
Como lembraremos, Libra é unha plataforma tecnolóxica, desenvolvida por Edisa, para facilitar ás empresas a súa xestión diaria en tódolos elos da cadea de manexo de datos, produción, comunicación ou distribución. Entre as súas principais vantaxes, cómpre salientar a de achegarlles ás empresas “unha plataforma completa, avanzada dende o punto de vista tecnolóxico, cunha metodoloxía na implantación dos proxectos que permite ás compañías acadar prazos e resultados que hai uns anos serían impensables, nunha implantación dun sistema integral en grandes empresas”. Libra inclúe a día de hoxe máis de 2.500 aplicacións que cobren a totalidade de procesos dunha empresa. Ademais, está integrada en máis de medio milleiro de firmas pertencentes a uns 30 sectores empresariais. O sector máis importante para Edisa é da alimentación e agroalimentario, incluíndo os seus múltiples subsectores, tanto a nivel industrial como comercial.
“Libra”, engade a empresa galega con sedes en Ourense e Vigo, “inclúe un conxunto de aplicacións totalmente integradas para cubrir todos os procesos de negocio e os de xestión de case calquera tipo de empresa, cunha elevada capacidade de adaptación ás necesidades de cada firma”.
Algunhas das funcionalidades que complementan LIBRA son as seguintes:
– ERP; procesos operativos e procesos de xestión.
– CRM: xestión da relación cos clientes.
– BPM: xestión de procesos.
– BI: business intelligence.
– Mobilidade: traballo en liña desde dispositivos portátiles.
– Comercio en rede: portais web e comercio electrónico.
Edisa anuncia que xa está dispoñible a versión 6.1.2 da súa contorna Libra
Compartir Este Artigo

