A aceleradora para para emprendedores e empresas do Consorcio da Zona Franca de Vigo, VíaVigo, vai a bo ritmo. Ou sexa, que estamos literalmente ante o empuxe definitivo de algo que que naceu, precisamente, para empuxar. Así se puxo de manifesto estes días, nun encontro cos medios da delegada do Consorcio, Teresa Pedrosa, que salientou a cantidade e a calidade dos proxectos presentados á primeira convocatoria da aceleradora (a rolda de prensa coincidiu, de feito, co peche da primeira fase da iniciativa). Falamos de 131 ideas presentadas.
Segundo fixo saber Pedrosa, a primeira fase non podía rematar de mellor xeito. O que queda agora, co inicio da seguinte etapa do camiño, é o inicio do traballo do equipo de técnicos que avaliará todos e cada un dos proxectos presentados, de entre os que se seleccionarán corenta para pasar á seguinte fase do programa. Esta seguinte fase ten como obxectivo final que polo menos dez consigan investimento de capital. Pedrosa explicou que este proceso de selección por fases non é excluínte, “xa que os responsables de Zona Franca queren incrementar as posibilidades de éxito do emprendedor e que todos os participantes poidan beneficiarse da formación e do acceso á oferta que o Consorcio ten a disposición dos emprendedores e que iso lles sirva para mellorar a súa idea de negocio”.
Lembrar que o emprazamento desta aceleradora estará no Porto do Molle. Ao fío disto, a delegada tamén amosou os datos do último informe comercial do parque que revela que antes de final deste ano, 46 empresas estarán instaladas ou instalándose en Nigrán e xerando 433 postos de traballo.
Volvendo a ViaVigo, recordar que se trata dunha iniciativa promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo dirixida a aceleración de proxectos innovadores e tecnolóxicos e susceptibles de investimento aos que se acompaña na súa maduración, financiamento e posta en marcha. O programa abrangue entre 9 e 12 meses de duración combinando baixo a supervisión dun equipo de expertos unha serie de elementos básicos para o desenvolvemento e posta en marcha da idea de negocio tales como formación e asesoramento personalizado, un espazo de traballo en coworking e, mesmo, a achega de capital semente para arrincar o proxecto. “Ao longo deste programa, avalíanse os progresos dos equipos participantes para que os mellores proxectos sexan presentados a investidores e socios industriais ao final do proceso”, engade a Zona Franca, que para esta ambiciosa iniciativa conta co apoio e seguimento de entidades galegas de longa experiencia innovadora, como Gradiant, AIMEN ou CTAG, todas elas colaboradoras de VíaVigo (entre outras).
Até 131 ideas innovadoras presentáronse á aceleradora de empresas ViaVigo
Compartir Este Artigo
