As sedes de COETICOR (Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña) van acoller os días vindeiros uns interesantes encontros profesionais dedicados a pór de relevo recursos tecnolóxicos para unha mellor xestión e eficiencia da enerxía. As Xornadas Técnicas sobre Monitorización e Control da Demanda Enerxética celebraranse os días 15, 16 e 17 de outubro nas sedes do colexio en Ferrol, A Coruña e Santiago, respectivamente. O núcleo central destas xuntanzas será a presentación de Otea, plataforma software para a xestión e o manexo de instalacións enerxéticas e a súa aplicación no seguimento de inmóbeis multipunto. A plataforma, empregada xa por empresas de todo o mundo (moitas delas ben coñecidas), vén da man da firma tecnolóxico-dixital EcoMT, con sede no polígono de Pocomaco da Coruña.
O uso desta plataforma, informa COETICOR, permite maximizar a eficiencia enerxética dos locais comerciais e de servizos, producindo aforros de operación e mantemento, reducindo avarías e detectando anomalías de funcionamento de equipos, e todo a través dun único software que permite xestionar múltiples instalacións. Arestora Otea controla máis de 750 establecementos de Europa e América, achegando un importante potencial de uso para compañías de comercialización masiva de produtos ou servizos perante grandes cantidades de clientes. Todas elas, sinala o Colexio, coinciden na importancia de monitorizar e controlar a demanda enerxética dos seus centros para optimizar a súa competitividade. Pola súa banda, os enxeñeiros de EcoMT salientan que as xornadas técnicas están especialmente dirixidas a empresas de mantemento ou xestores enerxéticos, entre outros perfís profesionais de índole tecnolóxica.
COETICOR presentará nas súas xornadas o software galego Otea, dirixido á xestión de instalacións eléctricas
Compartir Este Artigo
