
Lembrar que esta liña do Plan de Banda Larga, que en Código Cero tivemos ocasión de coñecer dende a súa presentación oficial en sociedade (en abril deste mesmo ano), é unha ambiciosa estratexia de implantación xeral de implantación de Redes de Nova Xeración que conta cun investimento total de máis de 129 millóns de euros, dos que a Xunta achegou o 20%. Segundo informa AMTEGA, xa posibilitou que máis dun millón de galegos teñan acceso á redes de fibra óptica de 100 Mbps. Agora, e dentro do compromiso adquirido polo operador no marco do Plan de Banda Larga en canto á evolución dos seus servizos, R ofrece velocidades de 200 Mbps de baixada e 10 de suba, cun caudal garantido do 80% (ata a data, os máis de 900.000 fogares e empresas conectados á rede do operador galego tiñan xa a posibilidade de dispoñer de accesos ultrarrápidos de 100 Mbps de baixada e 10 de suba). A comercialización destes servizos mellorados, sinalan R e a Axencia, farase de xeito progresivo e gradual en todas as zonas cubertas pola rede do operador galego ao longo do que queda de ano e tamén ao longo de 2014. Durante este tempo pódese consultar na web da compañía que dirixe Arturo Dopico en que enderezos de Galicia xa hai cobertura de 200 Mbps.
Como dixemos, esta ampliación do caudal de datos ten o potencial de permitir novos aproveitamentos tecnolóxicos, segundo informa a Axencia. Así, explica, “con este acceso ultrarrápido poderanse conectar na casa ou na empresa múltiples dispositivos á vez sen minguar a calidade nin a capacidade da conexión; deste xeito, conectar por cable o ordenador (previa preparación do equipo) ou un televisor intelixente cunha conexión de 200 megas mudará por completo a maneira de entender o uso destes dispositivos e de como gozar deles”. De feito, engádese, a capacidade da rede non se resentirá nin vendo streamings de alta calidade, nin descargando pesados contidos multimedia, nin desenvolvendo longas videoconferencias. “Estas redes”, incide AMTEGA, “serán chave no desenvolvemento pleno do fogar dixital e no aproveitamento das vantaxes do cloud computing ou o teletraballo, novas realidades que cobran cada vez máis protagonismo”.
No que respecta ao acadado en materia de despregue ao abeiro desta liña do Plan de Banda Larga, na que R está a achegar redes de nova xeración en 193 núcleos de máis de 500 habitantes, AMTEGA e a compañía sinalan “que os obxectivos cumpríronse cinco meses antes do previsto”. Así, engade a Axencia, “sen contar coa poboación das sete grandes cidades galegas e tendo en conta só eses núcleos máis pequenos, o obxectivo de que 575.000 habitantes puidesen gozar destes servizos avanzados a peche de 2013 está superado e xa son máis de 600.000 (de 178 núcleos) os quen poden facelo”.
O Plan de Banda Larga e R achegan xa velocidades de 200 Mbps
Compartir Este Artigo
