O Clúster TIC de Galicia e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) oficializaron este martes en Santiago un acordo de colaboración para impulsar e fomentar o que coñece como transferencia tecnolóxica, que non é outra cousa que o fluxo de coñecemento (aplicacións, experiencias, plataformas, sistemas para seren aplicados e mellorados e obter rendibilidade no mercado) dende os centros tecnolóxicos ao tecido produtivo da súa contorna. Neste caso concreto, do centro Gradiant ás empresas que constitúen o Clúster TIC.
O acordo foi asinado na sede do IGAPE polo presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e polo director xeral de Gradiant, Fernando Pérez González. Segundo fixeron saber en detalle, encamíñase a xerar máis marxe de colaboración para facilitar o fluxo de tecnoloxía. Basicamente, estariamos ante unha nova e interesante oportunidade para tirarlle partido ao importante coñecemento xerado polos investigadores de Gradiant.
Ao mesmo tempo, o acordo permitirá que o centro tecnolóxico con sede no campus de Vigo estea puntualmente informado sobre as necesidades do sector TIC galego en materia de I+D+i, e facilitarase ademais o desenvolvemento de actividades conxuntas para a promoción e a realización de proxectos no ámbito da I+D+i

Gradiant e o Cluster TIC de Galicia selan unha alianza para impulsar a transferencia tecnolóxica
Compartir Este Artigo
