Recentemente, dende o blog Mallando no Android, púxose en marcha unha campaña para reivindicar perante Google a importancia de achegar unha versión en galego, de calidade e completa, do seu sistema operativo (o devandito Android). A campaña, que tivemos ocasión de reflectir en Código Cero (dende a que por certo nos sumamos) e que está a coller corpo a través da plataforma Change.org, recibiu estes días importantes apoios. Por exemplo o de A Mesa, que fai un chamamento para participarmos de forma activa nesta proposta para que o galego estea presente nos nosos teléfonos intelixentes.
Para a asociación galega, é importante que teñamos en conta que Android é o sistema operativo que empregan máis do 90% dos teléfonos intelixentes que se venden en Galiza. Tendo en conta isto, resulta fundamental reivindicar a opción do idioma galego como lingua incluída no sistema operativo base da dita ferramenta, en parte porque é un dereito que temos os usuarios do dito recurso (a petición de inclusión das nosas respectivas linguas) en en parte polo que ten a medida de potencialmente normalizadora do emprego do galego nas TIC.
Segundo nos lembran dende A Mesa, a día de hoxe a achega de opción en galego fica en mans dos fabricantes, que non acadan (polo que teñen de iniciativas individuais) as requiridas unidade e coherencia. A Mesa tamén lembra que mais de asinar o manifesto que se enviará a Google con todos os apoios recibidos (a través de Change.org, como dixemos), podemos colaborar deixando mensaxes no fío aberto no foro de soporte de Google ou axudando a difundir a campaña nas redes sociais. Podemos velo polo miúdo na web creada especificamente pola equipa de Mallando no Android.
A Mesa apoia a iniciativa #AndroidEnGalego
Compartir Este Artigo
