A profesión da comunicación pasa de xeito inevitable polo camiño das novas tecnoloxías. Xa non só como canle, senón tamén como contexto, forma e mesmo tema. Así nolo contan os profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo Xosé Rúas e María Isabel Míguez, que veñen de elaborar unha investigación para o Consello da Cultura Galega (CCG) baseada en múltiples enquisas entre os traballadores da administración pública e as axencias. Entre as conclusións que lanza o estudo, inclúese a certificación dunha certa mellora na calidade da formación dos profesionais que se dedican á comunicación e ás relacións públicas na nosa terra, unha mellora que se deu sobre todo nas dúas últimas décadas. Porén, o plano educativo non se optimizou de abondo.
É preciso maior coñecemento da contorna da Internet e das redes sociais dun xeito profesional, superar certas eivas no coñecemento da lingua oral e escrita, en galego e en castelán, e adquirir un maior coñecemento práctico dos medios e comunicación e do protocolo. Estas son algunhas das esixencias achegadas polos ditos profesores, integrantes do grupo de investigación NeCom da Universidade de Vigo.
Das necesidades formativas devanditas (indicadas polas axencias de comunicación que participaron no estudo), cómpre salientar a da formación en comunicación 2.0 e novas tecnoloxías en xeral. A maiores, hai que destacar a necesidade de ter maiores coñecementos en xestión de comunicación empresarial, xestión de crise, comunicación interna ou idiomas, así como a necesidade de contar con maior experiencia previa en medios de comunicación e de maior formación multidisciplinar. A isto cómpre engadir eivas como o escaso costume de planificación estratéxica, a escasa visión do proceso integral de comunicación, a ausencia de especialización no ámbito da comunicación pública institucional e a falta de contacto e empatía coa sociedade ou a carencia de formación continua, engade a profesora María Isabel Míguez.
Segundo os directores de comunicación de empresas e administración públicas entrevistados para esta investigación, as relacións cos medios de comunicación ou as relacións informativas seguen a ser a función primordial destes gabinetes, aínda que a diversidade de tarefas desempeñadas é cada vez maior. Malio iso, “aspectos como a elaboración de plans de comunicación ou a xestión da responsabilidade social corporativa non se atopan aínda entre os máis relevantes. Pola contra, si se detecta, no último bienio, un incremento das función relacionadas coas web 2.0 e as redes sociais”, explican os responsables do estudo, no que tamén se conclúe un coñecemento incompleto da lingua galega, que continúa restrinxida practicamente ao ámbito institucional. No caso das axencias de comunicación, os enquisados coinciden en que “son poucas ou moi poucas as empresas que solicitan servizos en lingua galega, aínda que esta cifra se está incrementando”, asegura a profesora. No ámbito empresarial tamén se detecta esa mesma tendencia, “os propios directores de comunicación enquisados recoñecen que o uso da lingua galega nos diferentes produtos comunicativos das súas empresas é escaso, aínda que si comeza a ser frecuente que se cree unha versión en lingua galega, total ou parcial, da web corporativa”, engade Xosé Rúas. Para os dous investigadores, non se amosan sinais que indiquen un cambio de perspectiva, máis ben o contrario: a tendencia é a de que estes problemas de formación se incrementen.
Os profesionais da comunicación precisan máis formación en redes sociais, segundo un estudo da UVigo
Compartir Este Artigo
