Este venres 25 celébrase finalmente, no Gran Hotel da Toxa, a gran festa anual dos enxeñeiros de telecomunicación galegos. Falamos da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, un evento que contará coa presenza de 300 profesionais do sector de toda a nosa xeografía, acompañados por un bo número de representantes das institucións autonómicas, provinciais e locais, é o caso de Pilar Rojo, presidenta do Parlamento, Francisco Conde, conselleiro de Economía, Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) ou Miguel Ángel Pérez, alcalde do Grove (concello no que se insire a illa da Toxa). O evento, que vén da man do COETG-AETG (Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia), terá como eixe temático a seguridade viaria e as potencialidades das novas tecnoloxías na súa mellora e optimización.
No transcurso da Noite, que dará comezo ás 20.00 horas coa recepción de autoridades e convidades, farase entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2013. Nestes galardóns, convocados polo COETG-AETG, recoñecerase o labor de innovación e impulso tecnolóxico do director xeral de Imatia, Fernando Vázquez, quen recibirá a distinción de Enxeñeiro do Ano. Ademais, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, será recoñecido como Socio de Honra. Por outra banda, farase entrega do Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC, o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral Aplicada ao Sector TIC, o Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador e o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais.
As TIC na seguridade viaria, fío temático da Noite Galega das Telecomunicacións que se celebra este venres
Compartir Este Artigo
