Os investigadores universitarios da rede TELGalicia veñen de desenvolver unha serie de recursos tecnolóxicos de utilidade para os nosos docentes. Estas achegas para profesores de Primeira e Secundaria están xa accesibles a través da aplicación Edu-AREA, unha ferramenta desenvolvida co obxectivo de facilitar o día a día dos mestres e, ademais, facer posible unha introdución integral das tecnoloxías 2.0 e 3.0 nese continuo fluxo de información e experiencias que son as clases nos colexios e institutos. Segundo informa a UVigo, os investigadores de TELGalicia levan dende febreiro traballando arreo nesta aplicación, sendo este mesmo (a recta final de outubro) o intre elixido para “presentala en sociedade” e botala a camiñar.
Así nolo conta tamén o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Manuel Caeiro, coordinador dunha rede na que tamén participan investigadores dos campus de Ourense e Pontevedra, así como da Universidade de Santiago de Compostela e do CESGA. Segundo sinala Caeiro, un dos puntos fortes da ferramenta é sen dúbida a súa potencialidade interactiva. De feito, está aberta a que os docentes se apropien dos recursos que acubilla, “facéndoos seus e modificándoos para afacelos ás súas necesidades e intereses propios”. En base a isto, engade o investigador, o profesor adquiriría un papel moito máis activo na planificación da súas clases, pasando de ser transmisor de coñecementos prefabricados a ser un verdadeiro autor.
A ferramenta en cuestión foi dada a coñecer no marco da quinta Xornada TELGalicia, celebrada na Escola de EET. Segundo fixeron saber, entre as moitas propostas de actividades quen pon en xogo Edu-AREA (unha ferramenta na que teñen gran peso recursos como o GPS ou as redes e comunidades sociais tipo YouTube), figuran as seguintes: unha viaxe virtual polo sistema solar para espertar o interese dos máis pequenos polo mundo da astronomía; xogar ao clásico caza do tesouro en Internet para desenvolver competencias de procura de información na Web e mellorar as destrezas de lectura e comprensión de textos; ou conseguir calcular a superficie encerrada pola muralla de Viveiro empregando unha folla de cálculo e ferramentas cartográficas.
A rede TELGalicia lanza unha aplicación 2.0 chea de recursos tecnolóxicos para os nosos docentes
Compartir Este Artigo
