
Vindeira Venture Academy, como dixemos, é a fase formativa da cuarta edición de Vindeira Capital Network (VCN’13), organizada polo Clúster TIC Galicia en colaboración con XesGalicia e o IGAPE. Púxose en marcha o pasado 25 de outubro e continuará ata o 15 de novembro, “cun programa no que as titorías e o mentoring individualizado representan o 85% das horas de formación, un dato que da idea de ata que punto esta se adapta ás necesidades e características particulares de cada emprendedor e proxecto”, informan os organizadores.
A sesión do venres día 8 comezará ás 9 da mañá e rematará ás 7 da tarde, cunha pausa para un almorzo que constitúe tamén parte da metodoloxía da academia. O sábado as actividades darán inicio ás 9 e rematarán ás 14 horas. Nestas sesións incluirase formación teórica, mesas redondas, titorías e prácticas de elevator pitch, o modelo estandarizado de presentación ante investidores. Ambas sesións terán lugar nas instalacións do Círculo de Empresarios de Galicia.
Desde a academia valórase “moi positivamente a marcha das actividades formativas e a adecuación do programa ás necesidades dos emprendedores, froito da activa vixilancia tecnolóxica e de accións de benchmarking nas que se ven traballando desde edicións anteriores”. Asemade, a organización salienta tamén o nivel dos proxectos participantes, o que convida ao optimismo de cara ao volume de investimento privado que poderán acadar.
Estes proxectos abranguen temáticas diversas, como software de comunicacións, aplicacións móbiles, software deportivo, tecnoloxías de localización, servizos de certificación, plataformas de comercio electrónico ou biomecánica aplicada, entre outras.
O panel docente de Vindeira Venture Academy está integrado polos seguintes expertos:
· Jacobo García Durán. Licenciado en Filosofía, MBA IE e PDG IESE. Socio director en Hansa CyF, investidor en varios proxectos empresariais e ex director adxunto de BIC Galicia.
· Gonzalo Garre Rodas. Licenciado en Dereito e MBA pola Escola de Negocios NCG. Socio director de Proyecta_IMG, membro do equipo de desenvolvemento de negocio e profesor da Escola de Negocios NCG. Titoriza proxectos de emprendedores desde 2009.
· Carlos Álvarez Iglesias. Licenciado en ADE pola Georgetown University e máster en Marketing Estratéxico, Sciences Po París. Socio director en Knowledge Investors e director de Marketing en KIM. Traballa con start-ups desde 2003.
· Fernando Martínez Valdueza. Licenciado en Económicas e diplomado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Socio en Somoza, Valdueza y Asociados, e profesor colaborador da Escola de Negocios NCG. É mentor en distintos programas de aceleración de empresas e titor de proxectos de emprendemento desde os anos 90.
Sobre a edición 2013 de Vindeira Capital Network
Vindeira Capital Network é un foro galego de captación de investimento TIC. Na súa cuarta edición (VCN’13) presenta como maior novidade un enfoque multisectorial. O evento, informa o Clúster TIC, “mantén polo demais o mesmo espírito co que naceu en 2010, que non é outro que o de achegar emprendedores e investidores para favorecer o financiamento de proxectos innovadores de base tecnolóxica, abrindo fronteiras para o tecido emprendedor e empresarial galego, mellorando a súa calidade e competitividade, e ampliando as oportunidades de internacionalización a través do coñecemento e da innovación”.
VCN’13 terá a súa culminación os días 21 e 22 de novembro en Santiago de Compostela. Ao longo deses dous días, os proxectos seleccionados trala Vindeira Venture Academy farán a súa presentación ante representantes de fondos de capital risco e investidores privados, co obxectivo de obter o respaldo financeiro necesario para lograr que o que, a día de hoxe, son brillantes ideas de negocio cristalicen en proxectos empresariais de éxito.
Nas tres primeiras edicións de Vindeira Capital Network presentáronse un total de 52 proxectos e contouse cunha participación media de 15 entidades de investimento privadas de alcance nacional, ademais de investidores públicos. Este ano contarase novamente coa participación de analistas, conselleiros delegados e directores que representan a fondos e entidades de investimento.
Chega a fase crucial (a formativa) dos proxectos preseleccionados para Vindeira Capital Network
Compartir Este Artigo
