A chegada de Windows 8 foi un tanto confusa para os consumidores, pois mantén as aplicacións clásicas á vez que estrea unha interface moderna destinada a dispositivos con pantalla táctil, o que creou certo desconcerto entre os usuarios que non entendían que Windows RT era un sistema operativo que só aceptaba aplicacións táctiles (agás o paquete ofimático de Microsoft), e vese que Microsoft quere mudar lixeiramente de rumbo e aproveitar as sinerxías que poden xurdir entre tablets e smartphones, de xeito que vén de anunciar a unificación do rexistro de desenvolvedores de Windows e Windows Phone.
Isto quere dicir que a partir de agora os programadores que estean rexistrados para publicar aplicacións para Windows Phone tamén poderán facer o propio con Windows RT/8 e viceversa, o que supón unha simplificación da administración das aplicacións e un aforro de custos (só é preciso pagar unha conta de desenvolvedor). Os usuarios que estiveran dados de alta en ambas plataformas recibirán un código por e-mail para poder renovar de balde a súa subscrición por un ano máis).
Esta medida podería contribuír a que desenvolvedores de aplicacións para Windows Phone anímense a levalas ao escritorio (e viceversa) achegando á plataforma de venda de aplicacións de Microsoft á de Apple, dende o punto de vista de que a compañía de Cupertino ten unificada a creación de aplicacións para iPad e para iPhone (aínda que o caso de Microsoft é un pouco máis ambicioso por incluír tamén a equipos de escritorio).
Microsoft unifica o rexistro de desenvolvedores de Windows RT/8 e Windows Phone
Compartir Este Artigo

