Hoxe foi un día moi especial para Twitter, pois despois de semanas de preparación estreouse nos mercados bolsistas, destacando por detalles como que fuxiu do NASDAQ para cotizar na Bolsa de New York, e por abrir a súa cotización a 45,10 dólares, un 73% máis do prezo da oferta pública inicial, elementos que contrastan claramente coa saída de Facebook á Bolsa, que foi considerada inicialmente como unha grande decepción.
O primeiro día da cotización de Twitter na Bolsa de New York parece confirmar que estamos ante un valor sólido, que chegou a rozar os 50 dólares por acción nalgún momento, e que demostra o interese que hai pola cotización dos actuais xigantes da Internet. Resultou curioso que durante a xornada o valor máis activo na Bolsa de New York fose o de Twitter, mentres que no NASDAQ pasou o mesmo con Facebook.
Twitter puxo en circulación 70 millóns de accións valoradas en 26 dólares, o que estimaban que sería aproximadamente o 10% da compañía, pero se atendemos á cotización coa que hoxe pecharon os mercados, o prezo total de Twitter sería duns 24.460 millóns de dólares, demostrando unha confianza bastante sólida nun momento no que aínda non se coñece que a compañía teña un modelo de negocio claro e mentres circulan comentarios que apuntan a que poderiamos estar ante unha nova burbulla tecnolóxica que podería esbourar en calquera momento.
Magnífica estrea bolsista de Twitter
Compartir Este Artigo

