Para celebrar os 10 anos do diario dixital Galicia Confidencial na Rede esta tarde celebrouse un evento na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela que contou cunha variada participación de representantes das distintas forzas políticas da nosa comunidade autónoma, de medios de comunicación e doutros axentes da nosa cultura, comezando o encontro cunha mesa redonda conducida por Xosé Pereira, decano da Facultade que acubillou o acto.
A primeira intervención correspondeu a Rocío Castro, primeira directora de Vieiros, quen fixo un repaso da historia do desaparecido medio en liña, deixando constancia en todo momento a súa boa acollida e grande éxito de público, destacando que o fracaso de tal proxecto non ten nada que ver coa falta de demanda dos contidos que publicaban.
A este grande exemplo de medio en galego que conseguiu facerse un oco na Rede seguiu unha iniciativa máis recente, Que Pasa na Costa, dirixida por Ubaldo Cerqueiro, que quixo incidir no feito de que o seu medio naceu dunha demanda social ante a falta de información de proximidade na Costa da Morte, o que serviu para reivindicar a importancia dos medios hiperlocais e o xornalismo cidadán.
Pola súa banda, Marcus Fernández, webmaster de Código Cero, relatou a experiencia que levou a unha publicación en galego sobre tecnoloxía a consolidarse como medio, tanto na Rede como en papel, subliñando en todo momento a aposta pola comunicación en galego e destacando a necesidade de ter que deixar unha pegada da nosa lingua na Rede para que non nos deixen de lado.
A participación no debate do decano de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, non puido realizarse en persoa, polo que leuse un comunicado remitido polo mesmo no que reivindicaba a profesionalización da práctica xornalística, contrastando co anterior discurso de Cerqueiro ao rexeitar o “xornalismo cidadán” por non existir variantes cidadás de ningunha outra profesión.
Ás intervencións individuais seguiron unha serie de preguntas do público, que resultou ser moi participativo, para reflexionar sobre a sustentabilidade dos medios de comunicación en galego, a liberdade de prensa, o futuro dos medios… para dar logo paso a unha presentación de Xurxo Salgado na que fixo un repaso destes 10 anos de Galicia Confidencial, narrando dende as súas orixes ata os distintos modelos de negocio cos que están a experimentar, para insistir nunha idea coa que coincidiron moitos dos presentes durante a quenda de preguntas: estamos a vivir un período de crise no que os medios en galego están a exercer un papel de periodismo de resistencia coa esperanza de que cheguen tempos mellores nos que o rol da nosa lingua poida desenvolverse con normalidade.
Para pór peche ao acto, a formación musical Herbens Consort interpretou varias pezas clásicas de música barroca reproducida por instrumentos medievais.
Galicia Confidencial celebra os seus 10 anos de resistencia
Compartir Este Artigo
