Por se había algunha dúbida sobre o gran potencial que amosa a colaboración entre empresas TIC e empresas do motor, o COETG-AETG encargouse de recordarnos na súa Noite das Telecomunicacións que practicamente só as novas tecnoloxías (amais da prudencia e o sentido común de cada quen) poden axudar de verdade a unha condución máis segura, eficaz e rendible. As novas sobre achegas de mercado que cinguen unha cousa e outra non paran de medrar, o que tamén dá unha idea do potencial TIC neste eido. Precisamente este venres chéganos un exemplo disto: a consolidación duns sistemas chamados Coyote que contan cunha comunidade de máis de 2,4 millóns de condutores de toda Europa conectados entre si para advertírense das incidencias na estrada.
A empresa, que vén de recibir o premio internacional IAIR á innovación na categoría de telemática (un recoñecemento que reforza a estratexia europea desta compañía francesa, de nome tamén Coyote), basea o seu potencial na colectividade. É dicir, os usuarios sérvenlle de vixías e asistentes na estrada, ao tempo que se benefician eles mesmos deste seguimento. A tecnoloxía en cuestión, que vén en forma de aplicacións e solucións directamente introducidas nos automóbiles (marcas Renault, Citroën ou Peugeot), ten o seu xermolo en 2005, cando a empresa quixo ir un paso máis alá con respecto á súa experiencia en asistencia e axuda na condución. O resultado foi un conxunto de solucións que permiten aos condutores estar alerta en tempo real dos perigos que poidan atopar nos seus itinerarios, empregados a día de hoxe por máis de 2 millóns de persoas e comparten cada día a información sobre límites de velocidade, zonas de risco, sinistros e demais incidencias. Estas solucións achegan ademais unha media de catro millóns de informacións mensuais, case todas elas fornecidas dende Francia, Reino Unido, Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Italia e España.
A comunidade de condutores usuarios das solucións Coyote supera xa os 2,4 millóns
Compartir Este Artigo
