A compañía galega Edisa informa estes días que xa realizou a adaptación das súas plataformas de xestión ao mercado internacional. Cómpre lembrar que a firma con sedes en Ourense e Vigo ten unha importante carteira de clientes fóra da nosa terra, e de feito levou a cabo nos últimos cinco anos un proceso de internacionalización que lle permitiu incrementar a súa presenza en numerosos países latinoamericanos por exemplo, México, Colombia, República Dominicana, e proximamente Ecuador, onde asinou xa unha serie de contratos. Por estas e outras razóns, o departamento de I+D da compañía (emprazado en Ourense) fixo un esforzo especial en coordinar os diferentes módulos que integran Libra, a plataforma de xestión de seu, coas lexislacións nacionais de cada un dos países onde está presente.
En palabras de Carlos Suárez, director xerente da firma, “seguimos un proceso de internacionalización por unha dobre vía; por unha banda a empresa abriu novas filiais en México, Colombia e a República Dominicana para dar soporte a unha importante actividade comercial realizada en Latinoamérica, e pola outra produciuse un incremento importante da actividade dos nosos clientes noutros países, que derivou en novas implantacións a nivel internacional”. O resultado de todo isto é que Libra atópase nestes intres implantada na maior parte dos países europeos nalgún dos seus módulos, contando a empresa galega con implantacións completas en varios países latinoamericanos, engade Carlos Suárez. Ao fío disto, foi preciso un esforzo extra para adaptar as aplicacións ao eido de cada país, cubrindo as funcionalidades requiridas e facendo especial fincapé en atender os requisitos legais de todos eles. A día de hoxe, sinala Suárez, “Libra conta cunha estrutura moi flexible que nos permitiu que a área contable e financeira se acomodara con relativa facilidade a cada un dos países, aínda que foi preciso realizar importantes adaptacións en todo o que se refire á integración da empresa coas administracións públicas ou coa banca, xa que os procedementos son específicos en cada país; pola contra a nómina si que presenta moitas particularidades e esixiunos importantes procesos de axuste”.
A plataforma galega de xestión Libra, posta ao día para os requirimentos do mercado internacional
Compartir Este Artigo
