O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) organiza o vindeiro martes 26 de novembro unha charla aberta, vía videoconferencia, con Roger Espasa, enxeñeiro do equipo de deseño de Intel responsable entre outras cousas da familia de microprocesadores XeonPhi. O relatorio, que se vai desenvolver baixo o epígrafe Arquitecturas para facer fronte aos retos expostos por HPC e BigData, insírese no ciclo de Conferencias Abertas do Máster en Computación de Altas Prestacións. O evento conta coa colaboración das tres universidades galegas, e de feito cada unha delas acollerá a retransmisión do mesmo.
A USC farao no salón de actos do centro CITIUS, a UVigo no salón de graos do Edificio Politécnico das Lagoas (Ourense) e a UDC no salón de graos da Facultade de Informática. A cita será como dixemos o martes 26 e dará comezo ás 16.00 horas. Terá unha duración de arredor de dúas horas (máis preguntas a maiores), e vai dirixida sobre todo a investigadores, enxeñeiros e estudantes interesados en arquitecturas de procesadores, “retos que as aplicacións de HPC e BigDAta supoñen para o hardware”, informa o CESGA.
O enxeñeiro Roger Espasa falará nas universidades galegas dos retos actuais do BigData
Compartir Este Artigo
