Esta semana deuse a coñecer o Estudo sobre Comercio Electrónico B2C 2012, realizado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), un estudo que certifica entre outras cousas o bo estado de saúde do comercio electrónico. De feito, na investigación sinálase que o número de usuarios da Rede que usan a Rede para mercar, amais de para informarse e comunicarse, medrou nun 15%, situándose en 15,2 millóns de persoas. O estudo tamén sinala que en 2012 o ecommerce acadou os 12.383 millóns de euros, o que representa un incremento do 13,4% en relación ao ano anterior. “Esta suba é menor cá experimentada en 2011”, sinala o Observatorio, “pero é especialmente relevante se se ten en conta o contexto socioeconómico de crise no que se produce”.
Na investigación tamén se fai saber que a principal causa deste medre é o aumento do número de internautas compradores. En menor medida, tamén contribúe ao devandito espallamento o crecemento continuado de poboación conectada, que a día de hoxe sitúase en 27,2 millóns de persoas, representando o 69,9% da poboación española maior de 15 anos, o que supón 3,6 puntos porcentuais máis ca en 2011.
Por certo que o perfil deste tipo de comprador aseméllase ao de calquera internauta. É dicir: hoxe en día, quen navega tamén merca. Predominan os compradores de 25 a 49 anos e residentes en hábitats urbanos de máis de 100.000 habitantes. Pola súa banda, quen realizaron a súa primeira compra por Internet, en 2012, son, sobre todo, homes que residen en poboacións de 10.000 a 50.000 habitantes; e apréciase un uso intensivo en idades máis novas por unha banda (15 a 24 anos), pero tamén, máis adultas (máis de 65). O fogar segue sendo o lugar preferido para realizar as compras online (93,5%) seguido do posto de traballo (13,5%). Asemade, medra o número de persoas que merca polo menos unha vez ao mes, o que acada unha taxa do 16,8% fronte ao 13,3% de 2011.
A crise non pode co comercio electrónico, segundo un novo informe
Compartir Este Artigo
