Novagalicia Banco está estes días apoiando un evento que nos toca de preto: o foro Vindeira Capital Network, do que dimos conta con motivo da súa presentación (onte) e co gallo da súa inminente posta en marcha (esta tarde en Santiago, no Hotel Pazo do Carme). Empregando esta participación no foro de investimento para o noso sector TIC como oportunidade para facer reconto, a entidade financeira subliñou este mércores que este ano está a financiar a creación de 97 novas empresas, a través dun programa específico de microcréditos dedicado á xeración de emprego e a emprendedores. “Ata outubro”, informou o banco con sede na nosa terra, “aprobamos case un centenar de proxectos por importe de 2,2 millóns de euros de financiamento novo”. Subliñar que os ditos microcréditos achegan cantidades de ata 30.000 euros, “sen xuros durante os primeiros seis meses, sen comisións e cun ano de carencia”.
Respecto á colaboración cos nosos emprendedores do eido das novas tecnoloxías da información, Novagalicia explica que isto maniféstase entre outras cousas no seu apoio a eventos como o foro do Clúster TIC Galicia (Vindeira Capital Network), onde a entidade galega quere “avalar a iniciativa de busca de investidores para os proxectos dos nosos emprendedores”. A xuízo de Novagalicia, Vindeira é hoxe o meirande foro de captación de financiamento en tecnoloxías da información que se desenvolve en Galicia. Para o director do Gabinete de Presidencia da entidade bancaria, Santiago Novoa García, “as empresas de base tecnolóxica son pezas clave para potenciar o desenvolvemento económico e favorecer a creación de emprego de alta cualificación”.
Xa nun plano máis xenérico, aínda que sen saírmonos do eido da innovación e a tecnoloxía, Novagalicia deu a coñecer este mércores que “investiu nos últimos cinco anos 39 millóns de euros en I+D+i, o que converte ao banco nunha das empresas galegas que máis recursos destina a Investigación, Desenvolvemento e Innovación”. Durante 2012, engádese, o esforzo investidor centrouse na substitución de equipos informáticos das oficinas, incremento da velocidade das liñas de telecomunicacións e desenvolvemento de novos proxectos tecnolóxicos. En 2013, informa a entidade, “continúase coa renovación e modernización do equipamento da rede de oficinas, incorporando case 3.600 novos dispositivos tecnolóxicos de uso diario por parte dos clientes”.
Segundo fai saber, os seus principais provedores TIC son tamén galegos, “o que permite crear un alicerce tecnolóxico de primeira magnitude na nosa terra”.
Novagalicia Banco informa que investiu 39 millóns en I+D nos últimos cinco anos
Compartir Este Artigo
