A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e Expourense presentaron os días pasados a nova edición, a número 13, do seu Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, un certame dirixido a impulsar a creación de novas empresas, a competitividade e as novas oportunidades laborais para os nosos profesionais. O evento, segundo fixeron saber os seus impulsores, convida ao alumnado das titulacións de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a presentar os seus traballo fin de estudos máis innovadores. Segundo engadiron, “estamos ante un excelente escaparate para que as empresas coñezan o talento destes futuros profesionais e tamén o traballo en I+D+i que se realiza nas institucións académicas”.
Como dixemos, a nova convocatoria do evento vén da man da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e de Expourense, coa colaboración da Universidade da Coruña e patrocinada pola Deputación de Ourense. Foi presentada os días pasados no Centro Cultural Marcos Valcárcel por Francisco Javier Rodríguez, subdirector de Sistemas e Infraestruturas da Escola Superior de Enxeñería Informática; por Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial, e por Alejandro Rubín, xerente de Expourense. Todos eles fixeron fincapé en como a innovación, o talento e as novas tecnoloxías son elementos que contribúen a loitar contra a crise e xerar emprego.
O certame inclúe dúas modalidades nas que poden participar os alumnos e alumnas das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Á modalidade A do concurso poden concorrer os estudantes dos títulos de Grao en Enxeñaría Informática; Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación; Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. Os participantes poden presentar os seus proxectos fin de carreira. Á modalidade B poden optar os estudantes das titulacións de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos fin de máster de mestrados oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e das comunicacións. Concederanse tres premios en cadansúa categoría cuxa contía ascende a 1400 euros, sendo os primeiros galardóns de 350 e de 500 euros respectivamente.
