Alguén reparou algunha vez na idea de se se pode vivir dos videoxogos? A resposta é si, e así nolo veñen de contar catro alumnos da facultade de Belas Artes de Pontevedra -Rubén Cales, Francisco Pérez, Irene Ríos e Alberto Albal-, tentando dar resposta á cuestión nun micro documental titulado Blow the Cartridge. Logo do éxito colleitado ao longo dun mes de seguimento por parte da comunidade en liña, o vídeo xa superou as 10.000 reproducións no Youtube. Nunha entrevista recente cos protagonistas do documental, estes repasan a actualidade do panorama español de desenvolvemento dos videoxogos dando voz a profesionais do sector como os estudos coruñeses Defcon Studio ou Gato Salvaxe, a profesores da U-tad ou membros de estudos recoñecidos a nivel internacional como Pyro Studios, Crocodile Entertainment ou Tequila Works.
Asemade, é preciso salientar o esforzo e ilusión dos responsables deste documental, que tiveron que investir nel todos os seus aforros xa que -como lembran os directores- “a facultade achegounos apoio técnico, emprestándonos unha cámara e unhas gravadoras de audio, pero todo o demais procurámonolo nós”. E, perante os escasos recursos, estes mozos agudizaron o seu enxeño e construíronse unha enxeñosa pértega de son feita cun pau de vasoira, unha lata de patacas fritidas, gomas elásticas e uns limpa cristais.
E cales eran as pretensións? Eran “expor unha visión xeral do estado da industria do videoxogo en España e as posibilidades que brinda a un novo friki a piques de rematar os seus estudos”, explicaba Rubén Cales, que amais de codirixir o documental xunto a Alberto Abal é o protagonista desta viaxe iniciática. E como xorde a idea de gravar esta peza? “A idea de Blow the Cartridge xurdiu a raíz do primeiro exercicio que se expón na materia Proxectos Videográficos de cuarto curso de carreira. Pois -segundo apuntou Abal- “a proposta era tan sinxela como levar a cabo unha peza de corte audiovisual, e nós, sendo como somos uns obsesos dos videoxogos, non puidemos evitar que a nosa mente se fose dereita á idea de facer un documental sobre o tema”. Para máis información sobre o documental Blow the cartridge cómpre visitar o Facebook habilitado.
Estudantes de Belas Artes de Pontevedra deixan pegada na Rede cun documental sobre como vivir dos videoxogos
Compartir Este Artigo
