O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vén de informarnos dun importante acordo formalizado con Vicepresidencia da Xunta, destinado a establecer un protocolo de colaboración para a presentación de asistencia pericial, dos profesionais do colexio á Administración de Xustiza de Galicia. O acordo foi asinado polo vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e máis polo presidente do CPETIG, Marcos Mata. En base a este pacto de colaboración, a Dirección Xeral de Xustiza comprométese a recorrer ao Colexio para o subministro de asesoramento e ditame pericial nos procesos penais nos que un xuíz ou un tribunal requira a proba pericial de oficio, a pedimento do Ministerio Fiscal ou cando a proba fose acordada a solicitude dun beneficiario de asistencia xurídica gratuíta.
Segundo apunta o CPETIG, a razón que levou a asinar este convenio é a conveniencia de dotar á Administración de Xustiza de mecanismos de asesoramento pericial, realizado por técnicos nestas materias. O Colexio informa máis en detalle que “porá a disposición da Xustiza o seu Corpo Oficial de Peritos, formado por aqueles colexiados que se inscriben voluntariamente e que cumpren os requisitos de cualificación técnica, formación e experiencia práctica que o Colexio determina”. A partir desta listaxe, atenderá os requirimentos da Dirección Xeral de Xustiza. O CPETIG será igualmente o encargado de garantir a correcta prestación do servizo, a formación e o control deontolóxico dos peritos, a liquidación das peritaxes e o reparto das cantidades a percibir da Administración.
O CPETIG prestará á Xustiza galega asistencia pericial
Compartir Este Artigo
