No que atinxe á inclusión nas novas tecnoloxías, hai fendas de diferente índole. E cando falamos de fendas falamos de atrancos que manteñen a certas seccións da cidadanía lonxe da Sociedade da Información, ben lonxe de toda ela ou dalgunha das súas partes. Hai fendas sociais, de idade e económicas pero tamén hai fendas de xénero. Na nosa terra, imos traballando todas e todos en botar abaixo estes muros, pero coma en tantas outras cousas, aínda hai labor por desenvolver. Como por exemplo na fenda de xénero no eido laboral TIC. Segundo informou esta fin de semana o OSIMGA, as mulleres representan o 37,5% do total de traballadores do sector TIC galego, superando a media europea, que se sitúa por baixo do 36%. Con ser un dato relativamente positivo (en comparación con moitos dos países da contorna), non o é en termos absolutos: cómpre facer máis.
Este dato é unha das moitas informacións de valor que se inclúen no novo estudo presentado polo Observatorio da Sociedade da Información, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O estudo, presentado co título As mulleres no sector TIC, indica tamén que “a porcentaxe de mulleres empregadas no sector TIC de Galicia mantense estable nos tres últimos anos, aínda que cunha fenda de 25 puntos porcentuais entre os homes e as mulleres”. Asemade, tamén se di que a presenza das mulleres nas empresas tecnolóxicas galegas varía segundo a actividade desenvolvida. “O dato máis positivo”, comentan dende AMTEGA a raíz da investigación, “corresponde ás empresas de telecomunicacións, nas que as mulleres representan o 46,4% do total de traballadores”. No outro lado da balanza están as comerciais TIC e as autónomas, que en ambos casos están nunha porcentaxe de arredor do 30% respecto aos homes con este perfil profesional no sector TIC galego.
A primeira causa da fenda de xénero no eido empresarial tecnolóxico, infórmase, “atópase xa na desigual proporción de homes e mulleres que acceden a estudos universitarios relacionados coas TIC”. Deste xeito, explícase que no curso 2010-2011, dos 309 titulados en carreiras tecnolóxicas das tres universidades galegas, só 66 eran mulleres. Ou sexa, que estamos ante pouco máis do 20% dos titulados nestes estudos. Esta porcentaxe deixa pegada logo no mercado laboral TIC e na estrutura dos organigramas técnicos e de equipos responsables das tomas de decisión.
Pero hai máis datos. Por exemplo, que unha de cada catro empresas do sector ten empregada algunha muller con titulación TIC superior ou media, concretamente, un 14,4% de empresas ten empregadas mulleres con titulación superior TIC e un 10,2% de firmas deste ámbito ten empregadas mulleres con titulación media TIC. Ademais, o 17,2% das entidades do sector tecnolóxico-dixital galego ten empregadas mulleres con ciclos formativos TIC, preferentemente ciclos formativos superiores relacionados coas tecnoloxías.
Por outra banda, a presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego non é homoxénea. Así, sinalan os responsables do estudo, “obsérvase que soamente nas tarefas non TIC as mulleres están preto de acadar unha situación de equilibrio”. E engádese: “Só o 17,6% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 46,4% dos homes”. No persoal non adicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (10,5%) é 4 puntos inferior á dos homes (14,5%).
Na investigación, como dixemos, tamén se fai referencia ao contexto europeo. Para os autores da investigación, este panorama en canto á participación feminina no sector TIC é “pouco alentador”: de cada 1.000 mulleres graduadas, só 29 o fan en áreas relacionadas coas novas tecnoloxías, e destas, unicamente 4 traballan no sector tecnolóxico. E engádese, facendo referencia a un dato co que con contabamos, que é a presenza dunha menor fenda de xénero nos países en teoría menos desenvolvidos da Unión Europea: “A presenza das mulleres no sector TIC en Europa presenta un balance heteroxéneo, sendo os países do Sur e do Este do continente os que amosan os mellores datos neste sentido, cun 35,6% e un 34,3% respectivamente”. Pola contra, nos países do Oeste e do Norte, a participación feminina no sector tecnolóxico sitúase baixo o 30%.
Por outra banda, no informe tamén se amosa que, en xeral, as mulleres tecnólogas europeas séntense menos satisfeitas cós homes que traballan no sector TIC, e incluso, que os traballadores do sector servizos non TIC. “Ademais”, engádese, “perciben que non poden aplicar as súas propias ideas no seu traballo en moita maior medida que os seus compañeiros nin son motivadas a participar na toma de decisións”.
A taxa de mulleres que traballan no sector tecnolóxico-dixital galego é do 37,5%
Compartir Este Artigo
