A empresa galega Denodo vén de anunciar que o Instituto Nacional o Cancro (NCI) de Estados Unidos, integrado dentro dos Institutos Nacionais da Saúde (NIH) e do Departamento de Saúde e Servizos Humanos, elixiu a Plataforma de Virtualización de Datos de Denodo para transferir grandes conxuntos de datos garantindo ao mesmo tempo as máximas condicións de eficiencia e exactitude. Lembrar que o NCI e o Instituto de Investigación Nacional do Xenoma Humano (NHGRI) xuntaron forzas recentemente para levar a cabo o proxecto O Atlas do Xenoma do Cancro, cuxo obxectivo é catalogar as mutacións xenéticas responsables da dita doenza mediante a secuenciación do xenoma e a bioinformática, “facendo estes datos xenómicos dispoñibles para unha comunidade de investigación máis ampla”, informa Denodo.
A empresa galega engade, ao fío do devandito, que o NIH emprega a plataforma de virtualización de datos de Denodo “para conectarse ás distintas fontes dos datos do xenoma, aplicar transformacións, producir os conxuntos de datos finais e subir periodicamente estes conxuntos de datos nos servidores ICGC”. Lembrar que no seu traballo diario, o NIH enfrontábase a importantes atrancos á hora de mover de forma eficiente e segura grandes volumes datos do xenoma do cancro de TCGA e ao resto das organizacións involucradas neste proxecto. Ao levar a cabo este labor, o NIH atopouse con que a información non era adaptable nin flexible aos cambios, non permitía incluír todos os datos do xenoma do TCGA, que formaban parte de centos de millóns de filairas de datos a través de máis de 25 variacións de cancro. “O NIH”, explica Denodo, “decidiu entón que a virtualización de datos sería o método preferido para transferir datos entre os distintos sistemas involucrados no proceso, e en concreto a plataforma elixida foi a desenvolvida por Denodo”.
O proceso de transformación incluíu tres pasos importantes: a suma do paciente e os datos de proba, a conversión desta información nos formatos precisos, empregando a información de mapas, e en terceiro lugar a creación dos arquivos de resultados finais en formato CSV. Por último, o programador incorporado dentro da plataforma de virtualización de datos de Denodo executa un proceso FTP unha vez ao trimestre, para cargar os arquivos nos servidores dos distintos organismos colaboradores.
O Instituto Nacional do Cancro de EE UU elixe os servizos de datos da galega Denodo
Compartir Este Artigo
