Enfiamos a recta final de ano e entre os proxectos novos de información galega en liña cómpre salientar The Muros Times, unha revista dixital que vén de achegar á Rede o número 8 e que constitúe toda ela, en palabras dos seus creadores, unha fiestra aberta da vila de Muros para o mundo. A publicación, que con esta nova achega número oito xa dispoñible para os internautas (a achega de Nadal) sobe un novo chanzo no seu compromiso de pór en valor o amplo patrimonio histórico e cultural da vila coruñesa, acompáñase dun baile de cifras a ter moi en conta. Por exemplo: cóntase xa con 800 seareiros directos no sitio de Facebook de The Muros Times e en outubro rexistráronse ata 6.400 accesos á versión en liña da revista dese mes.
Lembrar que o coñecemento da revista dixital The Muros Times chegou á comunidade internauta -en boa medida- da man de Que pasa na costa, que deu conta esta pasada primavera da posta en marcha do proxecto poñéndonos ao tanto do espírito aberto e de liberdade informativa que o acompaña, da orixe da iniciativa (o compromiso cultural e artístico dun importante colectivo de veciños da vila e a súa contorna), da súa periodicidade e formatos de traballo adoptados (é mensual e está cen por cen aberta a quen queira participar) e da súa vontade de chegar a cantos lectores potenciais anden polo mundo, e mesmo alén deles (tal e como se puxo de manifesto nas videoconferencias levadas a cabo na presentación deste medio dixital con internautas e colaboradores de Estados Unidos e Madrid).
A revista dixital The Muros Times consolídase na Rede co seu número de Nadal
Compartir Este Artigo
