Este xoves inaugurouse a nova edición, a número 20, da Feira dos Autónomos de Galicia, un evento que se desenvolve en Expocoruña ata o 8 de decembro e que se dirixe a amosar o potencial produtivo e competitivo das iniciativas dos nosos traballadores por conta propia. Pois ben, a Feira tamén ten o seu compoñente TIC, como non podía ser doutro xeito tratando como trata cuestións ligadas ao noso futuro económico, innovador e produtivo. Este compoñente TIC está representado en parte pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que conta no recinto con stand de seu. Precisamente a titular deste departamento, Mar Pereira, estivo este xoves no evento para dar a coñecer as actividades de AMTEGA en materia de apoio tecnolóxico-dixital aos autónomos.
Falou por exemplo da guía de recursos de software libre para os nosos profesionais que elaborou AGASOL e na que participaron AMTEGA e a Federación Galega de Autónomos (FEAGA), ou do estudo feito pola Axencia en colaboración con esta Federación dirixido a avaliar a integración das novas tecnoloxías no día a día dos nosos autónomos (e que entre outras cousas guindou o seguinte dato de interese: o nivel da dita integración é a día de hoxe un nivel básico). A investigación indicaba, ao fío disto, que a contratación de Internet entre os autónomos galegos está 10 puntos puntos por debaixo das microempresas e que só o 9% dos autónomos realizaron vendas a través da Rede, aínda que o 16,1% dos que contan con conexión a Internet ten unha presenza activa nas redes sociais, superando incluso á media do conxunto das microempresas (12,9%).
Pereira lembrou na Feira que o Centro Demostrador TIC de Santiago, dependente da AMTEGA, é un dos instrumentos que a Administración autonómica facilita a PEME e autónomos para coñecer de xeito gratuíto a oferta tecnolóxica que teñen a súa disposición. “Desde a súa creación en 2011 máis de 2.000 profesionais e preto de 500 empresas participaron nas súas actividades, que facilitan o encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego”, dixo, ao tempo que lembrou, a maiores, que o CDTIC está a traballar arestora na identificación da oferta tecnolóxica de Galicia a través do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal, que na actualidade conta con preto de 225 provedores e máis de 550 solucións TIC. Pereira tamén sinalou que do CDTIC arrancaba o pasado mes de setembro o Programa de Asesores TIC, unha iniciativa que se está a realizar en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para prestar apoio gratuíto ás pequenas e medianas empresas galegas no seu proceso de mellora tecnolóxica. Á iniciativa acolléronse preto de 20 dirixida a negocios e autónomos dos sectores da agroalimentación, mar e acuicultura e construción.
AMTEGA lembra na Feira dos Autónomos de Galicia a importancia de achegar as TIC a este colectivo
Compartir Este Artigo
