A asociación empresarial INEO, punto de encontro dunha manchea das nosas empresas do sector TIC, vén de informar de dúas novas incorporacións ao seu seo. Máis polo miúdo, as incorporacións das firmas Egatel e DIN (Documentación e Imaxe do Noroeste). Polo que respecta á primeira, dicir que ten sede en Ourense e que centra unha boa parte da súa actividade na investigación, fabricación e desenvolvemento de sistemas de radiodifusión para o mercado broadcast profesional. DIN, pola súa banda, conta con oficinas en Vigo e Pontevedra e é experta en solucións dixitais en comunicación e impresión.
Para a asociación empresarial que preside Jorge Cebreiros, a adhesión de Egatel e DIN a INEO supón “un claro exemplo de relacións win-win nun contexto socioeconómico convulso no que a suma de sinerxías é esencial”. Ademais, engade, “o feito de que pertenzan a subsectores diferentes contribúe a reforzar a diversificación da asociación, especialmente nas áreas de redes e telecomunicacións e de hardware que, xunto coas de software, Internet e contidos, formación e consultoría TIC, ocupan un segmento de mercado de grandes posibilidades para as empresas galegas no escenario europeo e internacional”.
Segundo engaden fontes da asociación TIC galega, Egatel e DIN aproveitarán a ampla experiencia de INEO en ámbalas dúas áreas específicas de seu “para lanzarse ao panorama mundial apoiado por un socio de alto valor”. As dúas empresas, pola súa parte, salientan o papel que que a asociación xoga a nivel consultivo na elaboración de normativas e regulamentos, e ofrécense para achegar o seu coñecemento para apoiar a INEO no devandito labor.
Egatel e DIN, empresas TIC referencia na xeración de valor no territorio
EGATEL, desde a súa fundación no ano 1992, mantivo un medre progresivo ata acadar unha posición de referencia no mercado español, e empregou o seu coñecemento e experiencia para espallarse no eido internacional, fornecendo produtos de avanzada tecnoloxía para o despregamento de redes de difusión analóxicas e dixitais na contorna mundial. A súa principal actividade consiste na subministración de transmisores, re-transmisores e gap-fillers para emitir os sinais de radio e TV, ademais de traballos de enxeñaría combinados con execución integral de proxectos e subministración de equipamento auxiliar, como sistemas radiantes ou equipamento pasivo de radiofrecuencia.
DIN, pola súa banda, é unha empresa con capital 100% galego e máis de 5 millóns de euros de facturación que inicia a súa actividade no ano 2002 co obxectivo de converterse en socio tecnolóxico das empresas. A súa misión baséase en xerar valor constante aos seus clientes e á sociedade en xeral, fornecendo solucións integradas que melloren e faciliten os procesos de información, comunicación e impresión. Na súa carteira de servizos abrangue ofimática, xestión documental, informática e mantemento.
Egatel e DIN, novas incorporacións á asociación empresarial INEO
Compartir Este Artigo
