Un ano máis a Rede CeMit aproveita estas datas para brindar aos nenos de diversas localidades a oportunidade de manter unha videoconferencia con Papá Noel na que poderán pedirlle os seus regalos de Nadal. Este intercambio de mensaxes comezará o mércores 11 de decembro con escolares de Valga, Monforte de Lemos e Betanzos, que serán os primeiros en poder falar con Papa Noel en tempo real desde as aulas CeMit destas vilas.
Ata o día 20 inclusive Papá Noel estará, a través de videoconferencia, cos nenos e nenas dos concellos de Abegondo, Barreiros, Betanzos, A Cañiza, Carballedo, Catoira, Celanova, Cerceda, A Estrada, Ferrol, Fisterra, A Fonsagrada, Foz, Manzaneda, Marín, Moaña, Monforte de Lemos, Mugardos, Muros, Negreira, Ortigueira, Ourense, Pontedeume, Quiroga, Ribadeo, Santa Comba, Sarreaus, Valga, Verín, O Vicedo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e Xunqueira de Ambia. Facilítase así a participación de máis de 1.700 rapaces nesta iniciativa que busca converter a aulas da Rede CeMIT en puntos de encontro nos concellos e dar a coñecer as posibilidades destes espazos.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro de Educación Especial Miño de Ourense, a Fundación de Discapacitados de Negreira ou o Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos.
A Rede CeMIT permitirá aos cativos galegos falar con Papá Noel
Compartir Este Artigo
