A Consellería de Economía informou esta fin de semana da cifra de establecementos da nosa terra que están a día de hoxe avanzando na modernización tecnolóxica dos seus servizos e infraestruturas coa axuda do dito departamento e ao abeiro dun programa de seu que inclúe preto de medio millón de euros de orzamento base. En concreto, falamos de máis de 500 comercios de proximidade galegos participando ao abeiro desta iniciativa, un programa dirixido a fortalecer a competitividade do sector mediante a incorporación de novas tecnoloxías da información.
Máis polo miúdo e segundo informa Economía, do que se trata é de fomentar “o uso de Internet e a venda en liña para habilitar nos comercios unha mellor atención ao público co obxectivo de incrementar as súas vendas”. Entre as accións incluídas, Economía salienta a creación de páxinas web para favorecer o acceso do público ao produto a través do comercio electrónico, con máis de 160 actuacións, ou a adquisición de equipamento tecnolóxico ou software de xestión. As axudas comprenden o 70% das actuacións subvencionables, “porcentaxe que chega ata o 75% no caso de establecementos comerciais situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e para comerciantes ambulantes”, informa o departamento da Xunta.
Economía informa que máis de 500 comercios galegos participan xa no seu programa de fomento TIC
Compartir Este Artigo
