Tal e como avanzamos os días pasados, o Centro de Supercomputación de Galicia culmina este luns 16 un ano de celebracións: as celebracións destinadas a festexar (e amosar perante o mundo, non só a comunidade investigadora e tecnolóxica senón a sociedade en xeral) as súas dúas décadas de traballo achegando cálculo e comunicación de altas prestacións, entre outras moitas cousas. Actividades coma a celebrada con HP e Intel, ou a que desenvolveu con Fujitsu, o mesmo o recoñecemento concedido por El Correo Gallego con motivo das “súas dúas décadas de servizo á comunidade investigadora galega e ao Consello Superior de Investigación Científicas (CSIC)”. Pois ben, todo isto vai culminar este 16 de decembro cun evento de celebración no que teñen programado concorrer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e máis o presidente do CSIC, Emilio Lora-Tamayo.
A cita desenvolverase a partir das 19.30 horas, no auditorio do Centro de Novas Tecnolóxicas de Galicia (CNTG). Contarase coa presenza de boa parte dos representantes do tecido investigador galego e máis das nosas empresas do sector das novas tecnoloxías da información e do eido dixital.
Xa noutra orde de cousas, lembrar que o CESGA volveu estar de actualidade os días pasados por ter achegado unha boa nova para o seu futuro e por extensión para a sociedade galega: a multiplicación por dez da capacidade de cálculo do seu supercomputador Finisterrae. Segundo fixeron saber fontes do Centro de Supercomputación coincidindo co reconto inevitable de froitos (logo destes 20 anos de actividade) e o avance de obxectivos vindeiros, a capacidade de cómputo do dito equipo (33 billóns de operacións por segundo), non abonda para os novos retos da ciencia, e foi xa superada por outras infraestruturas españolas e europeas. Esta remodelación virá inserida nun plan de dous anos lanzado pola Xunta que fará posible multiplicar por dez o seu potencial.
O CESGA celebra este luns en Santiago a súa gran festa dos 20 anos
Compartir Este Artigo
