Estes días estanse a celebrar en Vigo as Xornadas de Innovación Educativa 2013, uns encontros que veñen da man da Universidade e que se dirixen a fomentar o intercambio de experiencias docentes, algunhas delas tocas directamente polas novas tecnoloxías, que abran novos vieiros para a forma, o contexto e a canle no que se refire á comunicación profesor-alumno. Polo evento pasou xa, entre outros, o ex-ministro de Educación e catedrático de Metafísica na Universidade Autónoma de Madrid, Ángel Gabilondo, que impartiu este luns no campus de Vigo a conferencia inaugural. Lembremos que nas xornadas están a participar máis de 200 docentes das tres universidades galegas, así como de diferentes centros do resto de España, Portugal e América Latina.
Segundo informan fontes da UVigo, a conferencia de Gabilondo estivo inzada de referencias aos clásicos universais e, no medio de todas estas referencias ao pasado, abriu vieiros amplos de cara o futuro. Por exemplo, falou de reclamar innovación educativa como síntoma de “saúde social”, e de promover transferencia de coñecemento e tecnolóxica para fomentar máis igualdade e novos espazos de equidade. Gabilondo tamén defendeu a fórmula da innovación como algo que vai alén do “técnico, tecnolóxico ou tecnocrático”. Na súa opinión, facer cousas novas non é innovar, xa que innovar é traballar por un mundo mellor. O ex-ministro chegou á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde se desenvolven as xornadas, acompañado polo reitor, Salustiano Mato, que foi o encargado de inaugurar un encontro que, ao seu xuízo, contribúe a acadar “unha tarefa docente máis creativa, máis áxil e tamén máis eficiente”, dixo ao tempo que advertiu dos riscos de vivir nunha Sociedade da Información que ás veces desinforma, cegándonos tanto “como a escuridade plena”. Ao seu xuízo, a materia a reforzar é a que nos sitúa nunha mellor posición para asimilar os datos que recibimos.
No que se refire ás xornadas en si mesmas, dicir que se trataron nelas, no primeiro día de actividades, cuestións como as novas metodoloxías didácticas, o desenvolvemento de novos contidos e programas docentes, a aprendizaxe por competencias ou o uso de redes sociais e ferramentas 2.0. A mañá de onte luns, informa a UVigo, dedicouse ao ámbito tecnolóxico (software social para a aprendizaxe informal, implantación de técnicas de aprendizaxe activo e colaborativo en materias de enxeñaría, docencia en aulas multixeracionais e TIC específicas para a aprendizaxe da física) e a tarde centrouse no humanístico (o ensino da gramática a través de Socialware ou o emprego de metáforas tecnolóxicas no ámbito académico e profesional da tradución).
As novas tecnoloxías como pulo docente, polo miúdo nos encontros de innovación educativa da UVigo
Compartir Este Artigo
