Gradiant deunos conta estes días dunha importante liña de traballo que está a acometer e da que poden extraerse interesantes aplicacións empresariais de tipo social e médico. Trátase do eido dos sensores inerciais, que son dispositivos que son quen de medir aceleracións e velocidades de xiro, e que teñen potencial, informan os investigadores do centro de I+D con sede en Vigo, para mellorar moito a calidade de vida das persoas maiores, dependentes, doentes ou con diversidades funcionais e motrices importantes. Os traballos de Gradiant diríxense en parte a acadar unha meirande democratización das tecnoloxías de recoñecemento da actividade, por tradición unicamente ao alcance de persoas expertas.
Segundo conta o investigador Alexandre Tornero, hoxe en día é máis necesario ca nunca fornecer unha ferramenta para a medida obxectiva e precisa deste tipo de actividades, unha solución que sexa flexible, cómoda, sinxela e capaz de abordar todo tipo de retos. Ao seu xuízo, os sensores inerciais son unha solución óptima para acadar esta ferramenta flexible e universal, sobre todo grazas aos avances en microelectrónica acadados nos últimos anos, que os converteron en dispositivos baratos, lixeiros e de tamaño reducido. Ademais, achegan consumos baixos, autonomía razoable (mesmo empregando tecnoloxías sen fíos), tamaños reducidos e marxe ampla de adaptación para o emprego cotián (mesmo inseridos na roupa).
Todo isto abre importantes posibilidades para o control constante das variables físicas dunha persoa, como as devanditas da aceleración ou a velocidade de xiro. Gradiant ve nestas tecnoloxías “unha gran oportunidade para a súa aplicación en ámbitos tan diferentes como o sanitario, o aeronáutico, o deportivo, ou o da seguridade”. Por estes e outros motivos, o centro galego está a centrar parte dos seus esforzos nesta liña, a través do desenvolvemento de diferentes proxectos, aproveitando a súa experiencia en redes de sensores, procesado avanzado de sinal e recoñecemento de patróns.
Gradiant avanza na investigación dos sensores inerciais, con gran potencial no eido da saúde ou dos deportes
Compartir Este Artigo
