O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago fixo este martes pública a relación de persoas gañadoras dos IX Premios á Calidade Lingüística dos traballos fin de grao e mestrado e de fin de carreira do curso académico 2012-2013. A listaxe final tivo o seu toque TIC, e máis se temos en conta que o xurado acordou por unanimidade outorgar o galardón de fin de grao e fin de carreira a Xosé Román Losada, graduado en Enfermaría, polo seu traballo Uso de dispositivos móbiles (teléfono intelixente e tablet) nas unidades de hospitalización: oportunidades para o persoal de enfermaría. Isto polo que respecta á categoría de Ciencias da Saúde. O premio na área de Ciencias foi para a graduada en Física María Vieites Díaz, por Estudo de decaementos do quarck b en LHCb. Ambos os dous recibirán 300 euros e diploma acreditativo.
Xa en Humanidades fíxose co premio a graduada en Historia Ánxela Vázquez Andrade polo traballo As relacións entre Irlanda e Inglaterra na Idade Media: conquista e identidade (Séculos XII-XIV), e na de Ciencias Sociais e Xurídicas Helena Figueiras Vázquez, do grao en Administración e Dirección de Empresas, por Elaboración dun plan de empresa: unha aplicación empírica.
E seguindo co fío das novas tecnoloxías, dicir que en Enxeñaría decidiuse outorgar ex aequo o premio a Mellora da correlación entre pares estereoscópicos do satélite IKONOS para a xeración de modelos dixitais de elevacións de Lucía Denniss Fernández Rodríguez, da Enxeñaría Técnica en Topografía, e a Desenvolvemento dunha libraría Java para a codificación e descodificación de mensaxes BURF, da graduada en Enxeñaría Informática Olalla Galiñanes Feijoo.
Os premios á calidade lingüística na modalidade dos traballos de fin de mestrado, dotados con 500 euros e diploma acreditativo, recaeron en Ruth Rodríguez Bermúdez, do mestrado en investigación en Medicina e sanidade veterinaria, por Situación actual das razas leiteiras en granxas ecolóxicas no norte de España na área de Ciencias da Saúde. Na área de Enxeñaría o premio foi para Eliminación de cinc e níquel de disolucións acuosas mediante xeles de taninos de casca de piñeiro , de Roberto Rodríguez Páramo, do mestrado en Enxeñaría Ambiental; e Larisa Rozados Lorenzo, do mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e a Cultura, levou o premio na área de Humanidades por Performatividade na poesía galega contemporánea: O caso de Xiana Arias. En Ciencias Sociais e Xurídicas gañou O ensino dun pasado traumático: o caso da violencia franquista na educación secundaria en perspectiva comparada, de Concepción López Sánchez, do mestrado en Formación do profesorado. Por último, na área de Ciencias o premio recaeu ex aequo en Cristina Vidal Castiñeira, do mestrado en Matemáticas, por Hipersuperficies reais con dúas curvaturas principais nos planos proxectivo e hiperbólico complexos e en Irene Lema Suárez, do mestrado en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural, por Aplicación de diferentes métodos de análise na valoración do estado de conservación das poboacións Spiranthes spiralis(l.) Chevall (Orchidacecae) no NW da península ibérica.
Importante presenza das TIC nos premios á calidade lingüística da USC
Compartir Este Artigo
