Estes días soubemos dunha iniciativa web galega que se espalla no mundo ata alén do que serían os seus límites previsibles. Por exemplo, cara a comunidades en liña coma a chinesa, á que raramente suporíamos interesada en beber das fontes do coñecemento futbolístico occidental (fontes que regan, e a base de ben, a iniciativa web galega da que estamos a falar). Pero así é: Fútbol Táctico, a plataforma en cuestión, ata ten presenza en China. De feito, os seus responsables viaxaron a Beijing recentemente para oficializar un acordo co Goberno do país.
Por medio deste achegamento, a plataforma galega estará a disposición dos formadores e alumnos do Campus Fútbol a xeito de ferramenta de traballo de primeira orde. O reto é como para telo ben en conta: a plataforma podería ser empregada por case cinco millóns de rapaces, que é a cifra de futuros deportistas á que se prevé chegar a través do dito Campus. 
Fútbol Táctico, máis polo miúdo, é unha ferramenta de gran utilidade ao servizo dos profesionais e os seareiros deste deporte. A iniciativa, que se ofrece en portugués, castelán e inglés, ten a súa orixe nunha demanda específica: a demanda de material técnico e táctico por parte dos adestradores de todo o mundo que ven na Rede, cada vez máis, unha oportunidade para arranxar posibles dúbidas no seu día a día. Segundo indican os creadores da ferramenta en liña, con este servizo os profesionais terán a capacidade de preparar ao completo unha tempada, con independencia da categoría e o grao de profesionalidade do equipo en cuestión. Asemade, sinalan que é un servizo único no mundo e que non existe outra wiki coma esta no ámbito dixital, específica para os integrantes da comunidade internacional do balompé. A web, engaden, acubilla xa 200.000 visitas mensuais e conta con 100.000 usuarios rexistrados. Por outra banda, dá emprego directo e indirecto a un centenar de traballadores, centrados tanto en labores de redacción como en cuestión de soporte técnico, rexistro de datos ou labores comerciais.
Fútbol Táctico: dando soporte a adestradores de todo o mundo dende a nosa terra
Compartir Este Artigo
