O Concello de Carballo presentou os días pasados un proxecto tecnolóxico que xoga co pasado e co futuro da vila coruñesa e que ademais ten vontade de implicar ao máximo número de cidadáns. De feito, a iniciativa Carballo na Memoria, así se fai chamar, foi concibida para estimular o emprego das novas tecnoloxías (recursos novos e do día do mañá) a través da recuperación do pasado de Carballo. Segundo nos fai saber Manuel Pan dende a empresa Abertal, encargada do desenvolvemento TIC do proxecto, Carballo na Memoria ten potencial para ser en si mesmo unha academia de contidos dixitais. De feito, a idea é crear unha comunidade interxeracional que aproveite conxuntamente o coñecemento das persoas maiores coas destrezas dixitais dos novos.
A iniciativa, que foi impulsada polo Concello, terá vertente en liña pero tamén tamén contará con ramificacións alén do plano dixital. De feito, na presentación da proposta tamén se avanzaron unha boa cantidade de accións off-line a realizar durante os vindeiros meses a xeito de actividades complementarias. Carballo na Memoria, fíxose saber, nútrese de experiencias previas de recuperación histórica a través das TIC como por exemplo as diferentes iniciativas promovidas por Xan Fraga Rodríguez. O proxecto presentado agora pretende darlle continuidade a esas iniciativas, pero converténdoas en “accións 2.0”, informaron os seus responsables, “e co obxectivo de que a sociedade carballesa sexa a verdadeira protagonista do proxecto, achegando non só as imaxes, senón tamén o coñecemento que ten sobre as mesmas”.
Tamén se informou na presentación que para facilitar o labor de dixitalización, crearase un Punto de Recollida de imaxes no Museo de Bergantiños. Alí poderán os carballeses e carballesas levar as súas fotografías en soporte papel que lles serán devolvidas uns días despois acompañadas dun soporte dixital, coa única contrapartida de permitir o uso desas fotografías para o proxecto. A Oficina Técnica do Concello tamén se implicará na dixitalización dos fondos fotográficos existentes no Concello, así como das imaxes que acheguen os veciños. Asemade, os departamentos de Participación Cidadá, Normalización Lingüística, Mocidade, Terceira Idade, Novas Tecnoloxías, Educación e Cultura colaborarán en buscar brigadas dixitais entre a xente mais nova, que é a que ten o coñecemento tecnolóxico, “co obxectivo de que sirvan de apoio para as accións que se realizarán para achegar á xente maior a envorcar o seu coñecemento histórico nos soportes web que se poñen a disposición do proxecto”.
O proxecto utiliza o
sistema Phottic desenvolvido
pola empresa local Abertal, que consiste nunha aplicación en liña
que permite subir as imaxes, xeorreferencialas e incluso superpoñelas
sobre StreetView de Google, “de tal xeito que se pode ver o antes e
o despois do que reflicten as imaxes”, informou Manuel Pan.
